Semana 40+
A depresión posparto
Aínda que sempre coidamos que a chegada do bebé ten que ser un dos intres máis felices da vida, pode que sintas certa tristeza. Entende o que che pasa.
É moi normal sentir un baixón emocional cara ao 4º día despois do parto, cando os niveis de estróxenos e a proxesterona descenden a ritmo vertixinoso. Non te estrañe, despois de pasar 40 semanas de xestación cos índices hormonais polas nubes agora o teu corpo empeza a volver aos niveis normais. Isto representa un cambio enorme e, dende logo, terá consecuencias no teu estado anímico.
Saber recoñecer os síntomas
Os sinais aseméllanse aos síntomas premenstruais, pero son máis agudos: tristeza, choro, irritabilidade, insomnio ou ansiedade. A boa nova é que adoita cesar espontaneamente, aínda que nalgún caso se precisa do apoio dun especialista. Entre as causas está o propio esgotamento e o estrés do parto. Ademais, o nivel de sangue diminúe bruscamente e os teus músculos terán que traballar con menos enerxía. Aínda máis, a todo isto únese a incerteza polo novo rol de nai.
¿É grave este problema?
Como calquera outra doenza psicolóxica, o grao no que lle afecta á muller é o que marca a súa gravidade. Os especialistas falan de desánimo posnatal e depresión posparto, dependendo se é algo levadío e estacional ou é unha cuestión que debe ser tratada por un especialista.
Tristeza posnatal
Levas desexando que chegue este momento durante todo o embarazo e agora, de pronto, non tes ánimos para facer nada. Debes saber que se te sentes un pouco decaída durante os primeiros días non es a única. Preto do 90% das mulleres séntense tristes neste momento. Isto tradúcese en cambios de humor, ansiedade e trastornos do apetito, entre outros síntomas. Comeza aos poucos días do parto e por iso tradicionalmente relacionábase coa subida do leite. Aínda que a lactación tamén pode ter repercusión, o certo é que estás nun momento de axuste hormonal que non se limita só ao leite. Ten paciencia, este estado non soe durar máis dunhas dúas semanas.
Depresión posparto
Nun 10% este desánimo posnatal pódese converter en depresión posparto. É moito máis longa e a muller está no peor momento ao redor da décima semana despois do parto. Os síntomas son parecidos aos anteriores, pero moito máis agudos. Ademais a embarazada ten unha falta total de autoestima, cansazo extremo e falta de interese por canto a rodea. Hai especialistas que poden axudar a tratala, así que se te sentes así non dubides en consultalo con eles. Se tratas de deixalo pasar, pode que arrastres a depresión ao longo da túa vida.
Trucos para sentirse mellor
- Non tentes ser a nai perfecta dende o primeiro momento. Aprenderás da man do teu fillo e con axuda da túa parella. Non existe un don innato que se activa no parto. Sé flexible contigo mesma e trata de non esixirte moito.
- Lembra contar coa túa parella. El tamén é parte do equipo, debédesvos coidar e dedicarvos tempo. Tamén está a pasar por un momento moi intenso. Falade das vosas sensacións.
- Dedícate tempo a ti mesma. Cóidate, arránxate e mímate.
- Controla a túa alimentación. Coida os nutrientes e non te deixes levar por un apetito unido á ansiedade ou pola apatía.
- Móvete. Non se trata de que te poñas a correr maratóns, pero é recomendable que saias dar paseos. Deste xeito manteraste en forma e despexarás a mente.
- Aínda que as noites poden ser duras, intenta descansar ao longo do día. Aproveita os momentos nos que o bebé descanse para facelo ti tamén.





