Sábado, 19 de Maio de 2012

Semana 40


O puerperio

O puerperio é o tempo que tardan os teus órganos xenitais en volver á normalidade. Dura unhas seis semanas e é o período que se coñece comunmente pola corentena.

O puerperio

As cousas toman o seu tempo antes de volver ao estado anterior ao embarazo, xa que o corpo estivo cambiando moi á présa para adaptarse ao feto. Por iso despois de saír a placenta, o útero aínda fica moi aumentado de tamaño.

A volta á normalidade

Se a readaptación externa do teu corpo che semella un milagre, non sabes todo o que terá que traballar a nivel interno para se recuperar do embarazo. Este é un camiño longo, recomendámoste ter paciencia. Durante o posparto, hai que vixiar que o útero estea ben contraído para evitar o risco de hemorraxia. Agora terá que volver ao seu tamaño normal. A involución uterina é moi rápida, de xeito que sobre o décimo día o teu útero atoparase ao nivel da pube. Dar o peito axuda a que esta recuperación sexa máis rápida.

Chegan os loquios

Os restos de sangue, membranas e tecidos da parte uterina da placenta que non foron expulsados no parto chámanse loquios e van saíndo mediante contraccións, modificando a súa cantidade, cor e cheiro co paso dos días. Os primeiros días son de cor vermella intensa e logo van sendo máis claros, entre rosado e amarelo, ata ser case brancos. Se notases febre, loquios en moita cantidade ou un olor desagradable, non dubides en chamar o médico.

A episiotomía

Se no teu parto se recorreu á episiotomía, terás que ter tino para recuperar ben a zona. Esta recuperación pode ser molesta e ás veces bastante dolorosa dependendo do seu tamaño. Non te preocupes: as molestias faranse máis levadías a medida que van pasando os días e, ao redor dos 15 días, son practicamente nulas. Para asegurarnos de que todo vai ven terás que darlle uns coidados especiais:

  • Os lavados faranse dúas veces no día, sempre de diante cara a atrás, mellor con auga fervida e un pouco de sal para favorecer a cicatrización. Seca ben a zona.
  • As compresas cambiaranse con frecuencia xa que a humidade non favorece a cicatrización.
  • Non utilices pantalóns moi cinguidos.
  • Sempre que poidas deixa a zona ao aire.

Coidando que todo vaia ben

Entre o 5º e o 10º día terás que pasar un control coa matrona para verificar que tanto a episotonomía coma o útero están evolucionando correctamente. Pola túa conta hai cousas que podes facer para recuperarte mellor. Por exemplo, convén que non permanezas moito tempo de pé nin collas pesos para evitar a presión nesta area. Dependendo dos loquios e da evolución da episotonomía débense evitar as relacións sexuais polo menos durante 3 ou 4 semanas. Ademais, podes notar sequidade vaxinal, especialmente en puérperas con lactación natural, que non se normaliza ata que se reinstauran os ciclos hormonais. Finalmente ten tino co estrinximento e as hemorroides. É boa idea que sigas cunha dieta rica en fibra coma no embarazo.

A subida do leite

A subida do leite ten lugar entre as 24 e 28 horas despois do parto. Na maioría dos casos esta subida vai acompañada dunha maior tensión e calor nos peitos, así que notarás que están a piques de estoupar. A túa produción de leite adaptarase rapidamente ás necesidades do teu fillo. Debes manter limpas as mamilas pero sen pasarse, ou a pel pode resecarse.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario