Semana 39
A volta á casa
Pechas a porta da casa e, de súpeto, ti, o pai e o bebé estades sós. Non hai enfermeiras a quen recorrer en caso de dúbida e non sabes por onde empezar. Non te preocupes, as cousas fluirán se lle dás o seu tempo.
Cando estás na maternidade todo pasa moi rápido. A túa recuperación, as probas do teu fillo, as enfermeiras entrando e saíndo, as visitas… É doado que te sintas coma nunha nube. Pero todo troca cando chegas á casa. Ti, o pai e o bebé atopádevos sós. Todo é novo e pode que, por momentos, sintas vertixe. Isto é algo que lle ocorre a case todas as novas nais, así que date tempo para que cada cousa vaia ocupando o seu lugar.
Un tempo para coñecerse
Moitas mulleres coidan que no mesmo intre do parto se establece un vínculo de unión que fará que todo xurda de maneira instintiva. Aínda que nalgunhas cousas pode ser así, tedes que dar tempo ao coñecemento mutuo. Cada choro, cada xesto pódevos facer sospeitar que algo vai mal. Normalmente non é así, e cando o vaiades coñecendo saberedes que iso significa que ten fame, que hai que cambialo ou que ten gases. O novo equipo, pais e cativo, tense que coñecer. Descobre qué vos gusta e qué significa cada xesto ou reclamo do bebé. Non seredes uns pais experimentados dende o primeiro día, tede paciencia.
Saca tempo para ti
Seguir os ritmos que marca o recén nacido, nalgúns casos, pode resultar esgotador. Aprende a repartir responsabilidades co pai e tenta sacar tempo para ti. Descansa, coida o teu corpo, a episiotomía, os peitos, a recuperación da pel… e dedica un ratiño para pasear. Tamén lembra que a túa parella e ti necesitades tempo para os dous, para falar do que sentides e planificar a vosa nova vida.
Pasiño a pasiño
Posiblemente todo o mundo opine sobre o que é mellor para o bebé. Aínda que o fagan con toda a boa vontade do mundo, toma os consellos con calma e adapta a túa vida ao que entendas que che pode axudar. As cousas irán encaixando pouco e pouco. O día a día ditarache o que é mellor no teu caso e cales son os teus truquiños.
A prioridades sodes vós
É moi usual que, cando volvas a casa, as visitas de familiares e amigos achegados goteen de cotío. Todos chegan con ganas de felicitarvos e coñecer o bebé. A casa encherase de regalos e flores, para celebrar a túa maternidade. Ten tino, aínda que iso é estupendo, pódete estresar un pouco. Se este é o caso, tenta repartir as visitas ao longo do tempo e garda intres para vós.
Establece prioridades
Non podes ser unha nai a tempo completo, manter a casa impoluta, facer elaboradas comidas, sacar tempo para ti e ser encantadora coas visitas. Delega responsabilidades na túa parella. Ata que atopes o ritmo da nova rutina é importante que te relaxes e descanses xa que rematas de pasar por un parto.





