Semana 35
A epidural
Pensaches xa se queres que se che aplique a epidural no momento do parto? Pois agora é o momento. Pode serche de axuda, pero non evita todas as dores e engade algún risco. A túa matrona informarache sobre ela.
Un dos retos máis importantes da medicina moderna foi atopar unha anestesia para o parto. Non podía ter riscos, ou case, para a nai e para o bebé. Ademais tiña que diminuír a dor, pero permitirlle á embarazada empuxar. Esta anestesia é a epidural.
Momento para tomar a decisión
A epidural non é algo que se poida improvisar sobre a marcha. Se decides recorrer a ela, no último trimestre do embarazo terás que facer unha visita á pre-anestesia. Nela o profesional contarache todo o proceder, as súas complicacións e analizará con detemento as túas probas para ver se es apta.
Unha decisión meditada
Fala coa túa parella de como afrontar o momento do parto. Dende logo ti terás que decidir como queres que se desenvolva e como queres vivilo. É moi normal que lle teñas medo ao sufrimento, pero a dor é unha cuestión moi subxectiva. Tes que saber como reaccionas ti e avaliar o teu nivel de tolerancia. Pode que non teñas problemas para enfrontar o parto de maneira natural ou que precises algunha axuda, como a epidural, para facelo máis levadeiro. Pénsao con tino.
¿Que é a epidural?
Trátase dunha analxesia obstétrica que se aplica nas xestantes que o desexan. Pídese ao servizo de anestesia e cómpre facer unha analítica e un electrocardiograma previo. O funcionamento basease no bloqueo das fibras nerviosas que transmiten a dor, pero non interfiren nas que permiten a mobilidade.
Non é para todo o mundo
Como calquera tratamento, a epidural non se pode aplicar en todos os casos. Quedan excluídas as mulleres que teñen doenzas importantes de columna, as que sofren hipotensión ou problemas de coagulación, alerxia á anestesia, febre ou algún tipo de infección. Ademais, nos últimos tempos non se aplica ás mulleres que teñen tatuaxes na zona da punción.
Unha punción entre as vertebras
Para aplicala, a embarazada débese poñer nunha postura que favoreza a curvatura das costas. Dórmese a zona para introducir unha agulla entre dúas vértebras lumbares e, a través dela, introdúcese un catéter a través do que se administra a anestesia. Utilízase tanto nos partos vaxinais coma nos que precisan cesárea e procura un alivio local das molestias na parte baixa do corpo.
Algúns riscos
A epidural é a anestesia que se utiliza no parto xa que, a priori, non entraña ningún risco para a nai e o feto. Aínda así, e aínda que é pouco frecuente, hai algúns efectos secundarios que debes ter en conta: tremores, fortes dores de cabeza tralo parto ou o adormecemento da parte inferior do corpo. Ademais o parto pode resultar un pouco máis longo xa que se reduce a intensidade das contraccións, por iso, en caso necesario, sóese empregar a oxitocina.
No preciso intre
Non penses que todo vai ser doado coa epidural. Esta anestesia aplicase sempre unha vez iniciado o parto, cando a dilatación xa está preto dos 4 centímetros. Iso significa que as primeiras dores correrán sempre pola túa conta. Do mesmo xeito, se dilataches 8 centímetros ou máis xa non se che aplicará porque a esas alturas pode retardar moito o parto. Lembra que tarda en facer efecto uns 20 minutos.




