Semana 33
A cesárea
Por como evoluciona un embarazo hai moitas mulleres que terán unha cesárea programada. Aínda que este non sexa o teu caso, é bo que saibas como é esta técnica por se, no último momento, cómpre utilizala. Así estarás máis tranquila.
Non cabe dúbida que o desexable é ter un parto vaxinal, pero nalgúns casos a cesárea é necesaria para ti ou para o teu bebé. Pensa que o bo é que nuns 10 minutos o teu fillo xa estará contigo.
Causas de que se practique a cesárea
- Se tes algún problema para dilatar ou non tes forza para empurrar.
- Se sofres preeclampsia ou eclampsia.
- Se tes diabetes.
- Se o bebé está mal colocado. Normalmente se está de nádegas téntase o parto vaxinal, pero non no caso de que estea cruzado.
- Se xa pasaches a data estimada de parto e o tecido uterino comeza a deteriorarse.
- En caso de prolapso do cordón umbilical: o cordón pode asfixiar o feto.
- Latido errático ou débil do feto.
- Se sofres enfermidades venéreas transmisibles ao bebé, como o herpes xenital.
- Risco de desprendemento de retina ante o esforzo no parto.
- Se o tamaño da pelve da nai fai imposible que o neno poida saír.
- Cando o colo do útero está pechado por placenta previa ou se desprendeu antes de tempo.
- Cando hai problemas ou riscos para o feto.
Tipos de incisión
- Vertical: dende o embigo ata a pube. Cicatriza máis cedo pero esteticamente é menos desexable xa que se ve.
- Horizontal: Segue a liña da pube. Non se notará no futuro, cando crece a peluxe de novo, pero custa máis que cicatrice.
Tipos de anestesia
Hai casos nos que, pola evolución do embarazo, xa se sabe de antemán que o parto será por cesárea, polo que se pode programar. Nestes casos sempre se aplica anestesia epidural. Tamén se practica cesárea con esta anestesia se xa lle foi administrada á embarazada agardando un parto vaxinal. A anestesia xeral aplícase no caso de facer unha cesárea de urxencia e a embarazada non tiña previsto empregar a anestesia epidural. Lembra que esta última non se pode poñer de maneira improvisada porque tarda uns 20 minutos en facer efecto.
Podes ter máis fillos
Non teñas medo: o feito de que se practique unha cesárea non significa que non se poidan ter máis fillos. Despois dunha cesárea os médicos recomendan entre 1 e 2 anos ata que se teña outro fillo. Desta forma garántese a adecuada cicatrización do útero.
Recuperación da cesárea
O primeiro día terás molestias. Se non podes erguerte, tenta polo menos mover as pernas, isto fará que te recuperes máis rápido. Por regra xeral terás que pasar máis tempo no hospital. Pódese estender ata 5 ou 9 días, dependendo de se podes ir á casa cos puntos e logo tornar para quitalos ou é preferible ficar alí ata que estes sexan retirados. O persoal sanitario dirache como coidarte unha vez que esteas na túa casa. Como norma, non é bo mollar a cicatriz nos primeiros días. Ten tino na ducha e utiliza protectores para tal fin. Protexe a zona do rozamento da roupa e se cho indica o médico, aplica un antiséptico. Por suposto non te agaches moito e non collas pesos!





