Martes, 7 de Febreiro de 2012

Semana 31


Máis molestias

Xa estamos no derradeiro trimestre e a estas alturas estarás familiarizada con moitas das molestias do embarazo. Sabes como levalas mellor, pero neste trimestre poden ser moito para a túa paciencia. Non te inquedes, como sempre, hai cousas que poden facelas máis levadeiras

Máis molestias nos peitos

As mamas é unha zona das que máis se transforman no embarazo. Agora o teu talle de suxeitador aumentou considerablemente e xa notarás molestias nas mamilas. Un bo truco é empregar aceite de oliva para evitar a sequidade. Podes aplicala antes de te deitares polas noites.

Molestias

Inchazón no corpo

O chamado edema, e dicir o inchazón nos pés e pernas, prodúcese pola retención de líquidos. Nalgúns casos tamén o notarás na cara por mor do estróxeno e o cortisol. Para alivialo reduce o sal nas comidas, bebe máis auga e toma alimentos diuréticos como a cabaciña, o melón ou bebe infusións. Esta molestia é moi normal e non te debes preocupar. De todos os xeitos, se ves que persiste, consulta a túa matrona xa que pode ser indicador doutros problemas engadidos como a preeclampsia.

Ten tino cos mareos

Pode que ás veces notes pequenos mareos. O importante é evitar que caias ao chan nunha mala postura. Se de súpeto te notas débil, senta nunha cadeira e coloca a cabeza entre os xeonllos. Evita levantarte moi ás presas e ten tino cos cambios repentinos de temperatura. Ademais, non esquezas levar algo de comida no bolso como galletas, froita ou froitos secos, e toma algo de cando en cando.

Insomnio

A tarefa de durmir a estas alturas convértese en algo complicado para moitas mulleres. Terás que intentar manter unha postura cómoda axudándote de coxíns que amortezan o peso da tripa. Tamén podes tomar unha infusión relaxante antes de durmir, como macela, ou un vaso de leite quente. Date unha ducha morna e emprega roupa ampla para durmires.

Veas varicosas

O peso aumenta a marchas forzadas e as túas pernas teñen que carrexalo durante todo o día. Isto, é os problemas circulatorios, pode facer que aparezan as veas varicosas. O mellor é que leves medias de comprensión e que fagas masaxes moi suaves na zona. Lembra tamén non cruzar as pernas e cando descanses intenta mantelas en alto.

Hemorroides, un mal común

A estas alturas ir ao baño pode ser verdadeiramente complicado. Por iso moitas embarazadas teñen hemorroides. Non te avergoñes, hai algún truquiños que che poden axudar. Aplica xeo na zona afectada ou algunha crema recomendada. Lembra que estás embarazada e que debes consultalo co médico.

Unha vexiga cada vez máis débil

A presión que fai o feto é maior polo que hai menos sitio para a túa vexiga. Seguro que terás moita máis necesidade de ouriñar e incluso podes sufrir algunha perda. Se é así, ademais de utilizar compresas sanitarias, non descoides os exercicios pélvicos que che ensinan nas clases preparto.

Aumento da suor

É molesto, pero non entraña ningún perigo. Isto ocorre porque estás a eliminar as túas toxinas e as do futuro bebé. Mantén os teus hábitos hixiénicos e non te preocupes por isto.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario