Martes, 7 de Febreiro de 2012

Semana 30


A antesala do parto

Por fin se achega o momento esperado, en breve veraslle a cara ao teu fillo, por fin o coñeceremos. Pero primeiro cómpre que recoñezas os sinais que che indican que o mecanismo do parto se pon en marcha.

Aproximadamente dúas semanas antes da data probable de parto (DPP ou FPP) aparecen unha serie de signos e síntomas que nos van servir de indicador. Son os chamados pródromos do parto.

Sinais de que o parto se achega

  • O abdome descende ao descender o feto. Farás mellor as dixestións e padecerás menos ardores. Ao mesmo tempo hai máis presión na vexiga e hai necesidade de ouriñar máis a miúdo.
  • Poden aparecer contraccións con máis frecuencia no fin da tarde e pola noite, que soemos relacionar con picadas ou molestias na zona pélvica. Estas contracción non son rítmicas e soen diminuír co repouso. Serven para ir abrandando o colo do útero e preparándoo para a dilatación.
  • Expulsión do tapón mucoso, que pode ser esbrancuxado, sanguinolento ou escuro.
  • Pode aumentar a dor de costas, as molestias na pelve, os vómitos e o fluxo.
  • Pode rachar a bolsa das augas prematuramente, antes de comezar o traballo de parto. Se iso sucede hai que controlar a cantidade, coloración, anotar a hora concreta da rotura e ir ao hospital o máis rápido posible.

Cando hai que acudir á maternidade?

Antesala do parto

En liñas xerais terás que acudir se hai unha rotura prematura da bolsa de augas, xa que o parto pode comezar espontaneamente entre as 4 ou 6 horas seguintes. De non ser así, hai que facer unha protección antibiótica e unha indución ao parto pois existen riscos de infección. Tamén cómpre achegarse á maternidade se tes contraccións regulares antes da 36ª semana. Alí farán unha valoración destas contraccións e a posible ameaza de parto prematuro.

Quedarás ingresada se…

É a primeira vez que estás embarazada e as túas contraccións foron aumentando en duración, frecuencia e intensidade e se repiten cada menos de 5 minutos. Se xa tiveches máis fillos será motivo de ingreso notar contraccións cada 10 minutos ao longo de  máis dunha hora. Tamén ficarás no hospital se tes unha hemorraxia igual ou superior á regra. Terán que avaliar cal é a súa causa. Outra razón de ingreso é a falta de movementos fetais.

Procedemento de ingreso

O máis importante é que lembres que no intre do ingreso na maternidade, temos que entregar a nosa cartilla de maternidade, análises e ecografías. Non as esquezas, é información moi importante para o médico. Ao ingresar, por urxencias, faranche unha exploración coas mans no abdome para diagnosticar a situación, a posición e a presentación do feto. De seguido, por medio dun tracto vaxinal, determínase se o parto comezou, ou sexa, se o pescozo do útero está centrado e canto levas dilatado. Neste momento tamén se fai unha monitorización fetal para escoitar a frecuencia cardíaca do teu fillo e a frecuencia das contraccións. Para ter a maior información posible tamén che tomarán a tensión arterial, o pulso, a temperatura e faranche unha análise de sangue e ouriños. Se xa comezaches coa dilatación practicaranche a amnioscopia que permite visualizar por medio dun aparato a colocación das augas. Aínda que todo isto sexa moi incómodo para ti, lembra que o obxectivo é saber todo o posible antes de iniciar o parto propiamente dito. Reláxate, dentro do posible, e non te preocupes.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario