Semana 37
O nacemento e as súas probas
Cando remata o parto, o bebé pasa varias probas médicas co fin de asegurar que está en perfecto estado de saúde.
Ademais dos coñecidos procedementos de medida e pesado do bebé, hai outras probas ás que se someterá ao teu fillo despois do parto ou ao longo da vosa estancia no hospital. Aquí explicámosche as máis usuais para que saibas que información se procura con cada unha.
Test Apgar
Nada máis nacer faráselle ao cativo o coñecido test de Apgar. Nel o médico presta atención á cor da súa pel, ao ritmo cardíaco, á resposta a estímulos, ao ton muscular e á respiración. Cada un destes aspectos obtén unha puntuación de entre 0 e 2 e, se a suma de todos eles supera os 7 puntos, o bebé pasará o exame con nota. Se queda por debaixo cómpre asegurarse que non hai problemas encubertos. Para afianzar o resultado, posiblemente repetirase o test uns cinco minutos máis tarde.
Vitamina K
Outro dos protocolos máis seguidos actualmente nas maternidades é o de inxectarlle un complexo de vitamina K. Deste xeito preténdese previr a coñecida como enfermidade hemorráxica do neonato.
Test de Guthrie
Outro test moi usual co que cómpre que te familiarices é o test de Guthrie ou PKU. Faise uns dous días despois do nacemento e basease na extracción dunha pinga de sangue do pé. Mediante a análise dese sangue descartaranse enfermidades como o hipotiroidismo, fibrose quística ou galactosemia.
Revisión xeral
Durante o tempo de estancia no hospital, o pediatra tamén dedicará tempo a explorar os oídos, o nariz, os ollos, a boca e o pescozo do bebé. Fará unha palpación abdominal para confirmar que todos os órganos se desenvolven ben e teñen o tamaño e a posición axeitada. Nesta exploración tamén se asegura que o cordón umbilical está en bo estado.
Lesións do parto
Se o parto non é un momento doado para ti, moito menos o é para o bebé. A viaxe pola canle do parto pode causarlle dislocacións, por exemplo de clavícula. Isto é máis común nos bebés grandes. Pero non te preocupes, xa que curan de maneira case que espontánea. Nesta revisión tamén se descartara a luxación de cadeira, moi común nos partos de nádegas
Estudo neurolóxico
Ademais do exame puramente físico, faráselle unha revisión á saúde neurolóxica do bebé. Para isto, compróbase se se producen unha serie de reaccións automáticas, case instintivas; se é así saberemos que ten unha boa saúde neuronal. Son reflexos que teñen todos os bebés e que logo irán perdendo.
- Instinto de succión: permítelle ao bebé alimentarse.
- Reflexo de presión: o bebé agarra coa súa man o dedo que se lle ofrece. Faino con tal forza que podería suxeitar todo o peso do corpo a través deste punto.
- Reflexo de marcha automática: o médico agarra o bebé por baixo das axilas para que se manteña en posición vertical. Nese intre el mesmo estirará as pernas e fará o amago de camiñar
- Reflexo do moro: o médico solta a cabeza do neno que rematou de nacer deixando que vaia para atrás, por suposto dun modo controlado. O neno coida que está a caer e abrirá as pernas e os brazos nun xesto que lembra unha aperta. Inmediatamente volverá pechalos.





