Sobre a guía
Agalip saca ao mercado a primeira guía gratuíta en galego sobre o embarazo. O teu embarazo semana a semana é unha guía para as mulleres embarazadas e a súa contorna que ofrece información sobre a evolución da muller, en ton ameno e de fácil lectura. Nela explícanse os cambios da nai e o bebé durante os 9 meses, con consellos sobre alimentación, roupa, hábitos saudables, etc.
En Agalip cremos que a información debe ser accesible e gratuíta na medida do posible. Para este proxecto contamos coa colaboración de profesionais, como matronas ou nutricionistas, que proporcionaron a base para un contido adaptado a varios tipos de lectores.
Á hora de desenvolver a guía, Agalip tivo en conta o público obxectivo dentro do cal se engloban mulleres, e as súas parellas, de todos os ámbitos. Por iso esta guía esta pensada para aqueles que necesitan ter toda a información, pero tamén pode ser ollada de maneira máis casual, lendo só partes destacadas.
A guía consta dunhas 126 páxinas en formato de media cuartilla, cun deseño claro e diáfano. Ademais da guía en papel Agalip desenvolve un portal web onde tamén se poden atopar noticias relacionadas coa puericultura e o embarazo. O portal vese reforzado por perfís en Facebook e Twitter onde se establece maior contacto coa comunidade e se ampla o impacto do contido.
Agalip contou co apoio económico de compañías galegas como Gadis, negocios web como a tenda online 1000 bebes para sacar adiante este proxecto sen custo para as mulleres embarazadas. Para a distribución da guía en papel, Agalip colaborou con tendas especializadas de puericultura distribuídas por toda Galicia – estamos especialmente orgullosos de traballar co pequeno comercio galego, xa que cremos que non se lle ofrecen suficientes ocasións de publicitarse en iniciativas de alta calidade e impacto.




