Sábado, 19 de Maio de 2012

Semana 27


Qué é a educación maternal?

A educación maternal, ou clases preparto, é un dos apoios máis importantes co que contas. Nela falaranche de como facer máis levadío o embarazo, o parto e como enfrontar as primeiras semanas como nai.

A matrona indicarache cando e onde ir a estas clases. Antigamente chamábanse clases preparatorias para o parto, pero en realidade os contidos destas xuntanzas van moito máis alá. Sempre que poidas é moi importante que acudas acompañada da túa parella. Alí a matrona vaiche dar algunhas claves que che servirán de moita axuda e estarás en contacto con outras parellas que pasan polo mesmo ca vós.

Relaxándose

Relaxándose

O momento de ir ás clases

Co embarazo chegando á súa fin, xa que estas xuntanzas comezan sobre a 32ª semana. É o momento idóneo para reforzar a túa preparación cara á maternidade e disipar as dúbidas acumuladas nestes meses de espera. Nisto consiste a preparación cara á maternidade. Ademais é moi interesante acudir a esta citas, xa que así coñecerás as túas compañeiras e entre todas participaredes de algo tan abraiante e importante como é ser nais.

Máis información dá máis tranquilidade

A finalidade desta preparación é axudarte a coñecer o que resta de embarazo, o que sucederá coas contraccións xusto no momento do parto e o que pasará cando naza o teu fillo. Aconséllase acudir a estas xuntanzas coa persoa que che acompañará nese momento, para coñecer de primeira man a realidade desta etapa. Pensa que canto máis informada esteas, máis tranquila te vas atopar.

De que se falará na preparación para a maternidade?

Haberá tempo para todo ao longo destas clases. Aínda que o contido está bastante estruturado, sempre terás tempo para comentar as túas propias vivencias e contar co asesoramento personalizado da matrona. Nestas clases terás o marco perfecto para expoñer as túas preocupacións sobre o embarazo, o parto, a lactación, a sexualidade e o puerperio, que é o tempo que vai dende que nace o teu fillo ata que se normaliza de novo o organismo, máis ou menos uns 40 días.

En xeral falarase de:

  • A educación sanitaria, coa que aprenderás a coidarte e a saber máis de todo o que che vai acontecer.
  • Formas de respiración. Aprendendo a osixenar mellor farás que o teu feto tamén estea máis osixenado.
  • Exercicios, que pretenden potenciar unha serie de músculos que están moi implicados no embarazo e o estarán no parto. Ao mesmo tempo buscarase maior elasticidade e estimular a circulación sanguínea.
  • Relaxación, con ela aprenderás a descansar mellor e, no momento das contraccións, disipar a ansiedade.

Segue traballando na casa

Pero non está todo solucionado coas clases. É moi importante que as pautas aprendidas, tanto as respiracións coma os exercicios e a relaxación, se sigan repetindo na casa, polo menos unha vez ao día. Precisas adestrarte para chegar o mellor posible ao momento do parto.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario