Martes, 7 de Febreiro de 2012

Semana 26


Alimentación para o 3º trimestre

No terceiro trimestre o crecemento fetal vai a toda velocidade. Isto esixe uns cambios metabólicos no teu corpo que aseguren o desenvolvemento normal. Para isto temos que garantirnos a cantidade necesaria de glicosa, graxa e proteínas.

Novas molestias das que se ocupar

No terceiro trimestre produciranse os cambios máis importantes no teu corpo e moitas veces irán acompañados de novas molestias. Por exemplo, aumentará a micción debido á presión que se exerce sobre a vexiga. Aínda que te sintas tentada, non debes reducir a inxestión de auga para ir menos ao servizo. Ademais, pode aparecer a hipertensión, os coñecidos edemas, sobre todo de cara ao final do día e non che beneficiará reducir os líquidos. Por outra banda, as varices e hemorroides serán máis acusadas cara ao final do trimestre debido á compresión da vasculación pélvica. Para palialo, polo menos nalgunha medida, non deixes de tomar alimentos ricos en fibra.

Gaña enerxía para o futuro

É nesta etapa cando se gaña máis peso, case a metade do total do embarazo, o que significa entre 5 e 6 quilogramos. Coma sempre, cómpre que os gañes de xeito intelixente, así que fuxe das chamadas calorías baleiras. Ten tino cos índices de colesterol xa que soen aumentar para a formación de estróxenos e proxesterona. Para evitar que se dispare, esquece as graxas saturadas como as que se atopan nalgunhas carnes, na manteiga ou nos embutidos. Tamén a glicosa é fundamental para o feto, xa que é o primeiro nutriente enerxético.

Aumenta as proteínas

A cantidade recomendada de proteína neste trimestre é bastante maior ca no 1º e 2º trimestre. Máis ou menos cómpre un aumento de proteína nuns 10 gramos ao día. Lembra que o feto non prescindirá deste nutriente, aínda que para iso che deixe a ti as reservas a cero. El terá agora que formar un depósito que logo empregará na súa vida posnatal. É unha forma moi intelixente de compensar a baixa concentración deste nutrinte no leite materno.

Coidándose

Coidándose

Calcio para os ósos do feto

O mesmo ocorre coas necesidades de calcio, xa que neste intre estase a realizar a calcificación ósea fetal. Lembra que para facilitar a súa absorción debes conxugalo con alimentos ricos en vitamina D, en produtos lácteos, no peixe ou nos ovos. Tamén debes aproveitar os teus paseos para que os raios solares che proporcionen esta vitamina.

Iodo, o rei dos minerais

En moitos casos os médicos recomendan suplementos de iodo para este último trimestre. De todos os xeitos, debes tentar engadirlle ao teu menú os alimentos que teñen este tipo de mineral como os allos, as acelgas ou as gambas. Emprega sal iodado nas túas comidas, pero non te pases co saleiro para evitar a retención de líquidos.

Coma sempre coida o ácido fólico

Agora é moi importante xa que este compoñente intervén na produción celular que se realiza sobre todo neste último trimestre. Aínda que xa estarás acostumada a tomalo, é importante que lembres que a súa carencia pode producir malformacións nerviosas no feto.

Hidratos de carbono de calidade

Finalmente os hidratos de carbono axeitaranse o nivel de glicosa en cada caso, sendo coma mínimo de 200 gramos ao día. Deben vir sobre todo de alimentos con amidóns ou fibras (como por exemplo os cereais integrais) e non de azucres simples como mel, melazas ou azucres.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario