Sábado, 19 de Maio de 2012

Semana 24


O plan de parto

Estás no momento de pensar se queres redactar un  plan de parto. Neste documento resumirás como che gustaría que se organizase o teu parto. Ti e a maternidade debedes ver como adaptalo á túa situación médica e á política do centro.

O parto pódese enfrontar de moi diferentes maneiras. O primeiro a ter en conta é se estás nalgún grupo de risco ou se tes algunha característica especial que obrigue a planificalo dun xeito concreto. Tamén terás que sopesar como queres vivir ese momento e que papel xogará o pai, ou acompañante, no parto. Asesórate sobre que opcións contas na maternidade onde pensas dar a luz.

Plan de parto

O plan de parto é un resumo escrito no que a embarazada concreta as súas preferencias para dar a luz. Nel recóllense aspectos como os medicamentos ou anestesias que queres que se che administren, a postura na que prefires dar a luz, o tipo de tratamento que se lle dará ao bebé unha vez naza… Por suposto, todo iso estará supeditado ás necesidades que se presenten no momento e ao criterio do persoal médico. Digamos que o plan de parto recolle os procedementos desexables se todo fose ben.

En España

A pesar de que esta práctica é moi usual en moitos países europeos, non é así no noso. Por iso, se tes moi claro como queres que se desenvolva o teu parto, sería recomendable que o negocies coa túa matrona para ver que cousas se poden incluír e cales non. Hai organizacións que aconsellan que se lle envíe este documento ao servizo de atención ao paciente do hospital, ao servizo de xinecoloxía e ao de neonatoloxía. Este é o procedemento ideal, pero normalmente no noso país preséntaselle unicamente á matrona para que o teña en conta. Desa listaxe, hai cousas que si serán posibles, pero outras moitas dependerán da política interna da maternidade en concreto.

Decisión persoal e opinión médica

O contido do teu plan de parto depende do que ti queiras. Pode ser un resumo de como queres que se enfoque o parto ou unha listaxe detallada das túas preferencias. Lembra que calquera cousa que poñas no plan está suxeito tamén a como vaia o parto. Prescindirase das túas recomendacións sobre a marcha se o persoal médico estima que existe algún risco para ti ou para o teu bebé.

O mellor posible

O mellor posible

Que poñer nun plan de parto?

  • Quen vai estar contigo no momento do parto.
  • Se queres ou non que se che administre un enema.
  • Se prefires estar monitorizada todo o tempo ou queres que se faga por intervalos para poder moverte máis libremente.
  • Se queres que se che administre anestesia ou non, como a epidural.
  • Se estás aberta a que se empregue algunha substancia que acelere o parto, como é a oxitocina.
  • Se queres que se che aplique a episiotomía ou non.
  • Quen collerá primeiro o bebé: ti, o pai ou o persoal médico.
  • Quen queres que corte o cordón umbilical e cando queres que se faga.
  • Se queres que o teu bebé fique contigo un tempo, antes de proceder a pesalo ou medilo.
  • Que política che gustaría que se seguira despois do parto: acceso de visitas, se o bebé fica contigo na mesma habitación ou non, probas posnatais…

Máis información

Plan de Parto

Unidade de Partos do Complexo Hospitalario de Ourense

Asociación O Parto é noso

Asociación Nacer en casa

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario