Semana 22
Pensando o nome
Poñerlle nome ao futuro bebé axuda a relacionarse con el incluso antes do nacemento. Se tedes claro como se vai chamar o teu fillo poderedes personalizalo e dirixirvos a el a través da propia barriga. Empezastes xa a pensar no tema?
Algunhas mulleres dende pequenas sabían que nome lle porían a cada un dos seus fillos. No extremo contrario están todas aquelas parellas que prefiren agardar a verlle a cara ao seu bebé antes de decidirse por un. Pero, fóra destes dous casos, están a gran maioría das parellas que, véndose xa no ecuador do embarazo, empezan a pensar cal será o nome do neno.
Os nomes de moda pasan de moda
Sempre hai nomes que se poñen de moda por tempadas. Todos coñecemos nenos que levan nomes de artistas ou famosos (como Chenoa, Sofía ou Fernando) ou de cancións (Eva María ou Penélope). Antes de decidirvos por un deles, lembrade que o que agora decidades marcará en gran medida a vida do voso fillo. Non debe ser unha decisión á lixeira, pensade que logo pode converterse nunha carga para o neno.
O peso das tradicións
O mesmo ocorre cando non estas de acordo coas longas tradicións familiares. Está ben que na túa familia ou na da túa párella as mulleres ou os homes teñan que chamarse dun xeito determinado, pero este é o voso bebé e a vosa decisión. Se vos gusta o nome do teu avó adiante, pero non deberiades acceder a pór un que non vos convenza, só porque é tradición.
Nomes galegos
Ata hai uns anos era impensable poñerlles nomes galegos aos neonatos. Unha das principais razóns era que ata finais do século XX estaba prohibido e, ademais, descoñecíanse moitos deles ante a obriga de poñer nomes casteláns. Agora non é difícil atopar nenos que se chaman Cibrán, Uxía, Breixo, Estevo, Xenxa, Bieito, Antón ou Xiao. Tamén os hai que recordan o noso pasado medieval como Sueiro, Airas, Aldara ou Mencía. Máis nomes galegos son os que derivan de formas cariñosas como Catuxa, Sabela, Xela, Xandra, Carmela ou Xan. De topónimos como Iria, Aloia, Navia, Sarela, Flavia, Irimia, Aldán, Antela ou Saínza. Tamén atopamos nomes que fan referencia a cousas fermosas ou míticas como Ledicia, Doa, Lúa, Breogán, Artai, Keltoi, Celtia ou Brandán.
Nomes de medio mundo na nosa comunidade
A enorme influenza dos medios de comunicación e, sobre todo, do modo de vida dos Estados Unidos, fixo que se estenderan entre nós moitos nomes ingleses como Christian, Jonathan, Kevin, Vanessa, Jessica ou Jennifer. En Galicia tamén son moi frecuentes os nomes doutras orixes, por exemplo os vascos (como Aitor, Iñaki, Unai, Arantxa ou Idoia). Hainos rusos (como Tania, Lara ou Iván), italianos (como Sandra, Goretti, Loreto, Aida ou Romina), árabes (como Fátima, Yaiza, Soraya ou Omar), franceses (como Lourdes ou Lorena), portugueses (como Anadía, Alba ou Joana) e ata un maorí (Ároa).
Os 25 nomes máis frecuentes
A seguir incluímos a relación dos 25 nomes máis frecuentes, de nenos e de nenas, en Galicia, na última década do século XX.

Como se chamará?
Nena
- LAURA
- ANDREA
- MARÍA
- SARA
- ALBA
- CRISTINA
- LUCIA
- MARTA
- PAULA
- ANA
- NOELIA
- RAQUEL
- SANDRA
- PATRICIA
- NEREA
- TANIA
- LORENA
- TAMARA
- BEATRIZ
- IRIA
- SILVIA
- CARLA
- ANTIA
- NATALIA
- ROCIO
Neno
- ADRIAN
- DAVID
- DANIEL
- ALEJANDRO
- PABLO
- DIEGO
- IVAN
- JAVIER
- RUBEN
- SERGIO
- MANUEL
- MIGUEL
- CARLOS
- JORGE
- ALBERTO
- CRISTIAN
- MARTIN
- BRAIS
- MARCOS
- OSCAR
- IAGO
- ALVARO
- BORJA
- JOSE MANUEL
- ANXO




