Semana 19
Cando debes ir ao médico

Os médicos están para te axudar
As embarazadas sempre teñen medo de que algo vaia mal ante as novas molestias. Normalmente son propias do teu estado, pero, aínda así, ás veces cómpre que lle consultes ao teu médico para non incorrer en riscos innecesarios.
É complicado establecer a liña que separa unha molestia xestacional dun problema máis importante. De feito, moitas veces depende da intensidade coa que se presente. Tentaremos aquí recoller algúns dos síntomas aos que lles debes prestar máis atención para que acudas ao médico canto antes.
Ollo coa preeclampsia
Se notas principios de mala visión novos, se os teus pés e mans están moi inchados e tes dores de cabeza persistentes debes acudir ao médico. Moitas veces son molestias asociadas co teu estado, pero nalgúns casos pódese tratar de preeclampsia. Este problema non adoita aparecer ata o terceiro trimestre, pero pode ter riscos para ti e para o feto.
Hemorraxias
Se notas sangrados abundantes, especialmente durante as 12 primeiras semanas, pode ser síntoma de aborto ou embarazo ectópico, mala implantación do embrión no útero. Se a hemorraxia é abundante e é posterior a esta etapa pode ser sinal de problemas na placenta.
Cansazo extremo
Se o cansazo che impide facer unha vida máis ou menos normal e non tes forzas para nada, pode que presentes principios de anemia. Esta posibilidade toma máis forza se tes falta de alento ou estás moi pálida.
Vómitos imparables
Xa te darías conta de que os vómitos son moi usuais durante o primeiro trimestre. Non dubides en acudir ao teu centro médico se es incapaz de reter nada no teu corpo, nin sequera auga, ten en conta que podes ter risco de deshidratación.
Perdas de líquido pola vaxina
Un aumento do fluxo durante o embarazo é completamente normal, pero nunca debes chegar a notar a túa roupa interior mollada. Neste caso pode que a bolsa do líquido amniótico rompera e podes sufrir un parto prematuro. Se tes dúbidas ao respecto acude ao centro de saúde inmediatamente.
Moita sede e pouca necesidade de ouriñar
Despois dunha comida salgada ou co aumento da temperatura, todos debemos inxerir máis auga e especialmente as embarazadas. Se o que sentes é moita necesidade de beber e esta persiste á marxe do que bebas, debes permanecer atenta xa que pode ser síntoma de diabetes xestacional. Se ademais non tes necesidade de ouriñar, podes sufrir insuficiencia renal.
Diarrea continua
Cómpre que diferencies entre unha gastroenterite, que non ten porque afectarlle ao feto, e unha diarrea persistente. Neste último caso non dubides en acudir ao teu centro médico xa que pode tratarse dunha infección como salmonela o listeriose, que poden acelerar o parto.
Dores no abdome
Hai moitos tipos de dores nesta zona e de moi distinta intensidade. Os máis comúns son os alongamentos dos ligamentos do útero, un adestramento do teu corpo para o parto que é completamente normal. A alarma debe saltar se isto ocorre nos primeiros momentos do embarazo. Neste caso é mellor que o consultes coa túa matrona para descartar outros posibles problemas. Se a dor é aguda e persistente, vai ao teu hospital xa que se pode tratar dun embarazo ectópico ou aborto espontáneo.
Cambres
Son parte da vida dunha embaraza, xa o comprobarás co paso do tempo. Pero se tes as pernas moi inchadas e de cor vermella, máis cando estás moito tempo de pé, vai ao hospital para descartar principios de trombose.
Ten tino coas caídas
En contra do que nos parece, o feto está moi ben protexido no interior do útero e é difícil que nunha caída sufra algún contratempo. O normal é que non pase nada, pero se notas perdas de líquido, hemorraxias, molestias ou contraccións acude ao teu centro médico inmediatamente.
Proído no corpo
Se notas “formigas” polo abdome non te preocupes: a pel está tratando de adaptarse aos cambios de talla. Pero se é moi persistente nas pernas e brazos e non teñen ningún tipo de erupción pódese tratar de colestase do embarazo. A bile do fígado pódese acumular na pel e debes ir ao médico.
Irritacións e urticaria
As irritacións da pel son tamén frecuentes durante o embarazo. A dermatose máis común é o síndrome PUPP. Este síndrome maniféstase coa aparición de erupcións dun proido intenso tamén na parte baixa do abdome e nos muslos. Aínda que pode chegar a ser moi molesto normalmente desaparece có parto.
Non se move
O feto pasa por etapas de máis movemento e outras máis tranquilas. Aínda así, se ves que está acougado de máis e estaste a preocupar, non dubides en consultalo co médico. Se os movementos fetais son nulos despois da 28ª semana posiblemente someteranche a unha ecografía para verifica o latido fetal.
Se tes febre alta
Se a febre é persistente ou supera os 38ºC, acude ao teu centro médico para descartar posibles infeccións.




