Semana 18
Roupa para o embarazo
Xa estás no momento de empezar a pensar na roupa adaptada ao embarazo. Algunhas aínda poderedes utilizar os pantalóns desabotoados na cintura, pero na maioría dos casos xa será necesario facerse cun novo fondo de armario.
Afortunadamente a roupa de premamá non é a de antes. Xa non se trata de agochar a túa figura, senón de sentirte ben na túa pel. Pero, ademais de verte guapa, tes que pensar na túa comodidade e ser previsora con todos os cambios que se achegan.

Merca o que precises con tempo
Vai a modo coas compras
De seguro que estarás tentada a ir de tendas e facer todo un armario de embarazada, especialmente se ves ofertas ou rebaixas. Lembra que o mellor é ir comprando a roupa a medida que se precise. Desta forma poderás adaptala ao teu corpo pouco e pouco. A clave é ver que necesitas, que che axeite mellor e como renovar a túa imaxe co paso das semanas. Outra das claves é ser previsora e mercar pezas de roupa que poidas utilizar máis alá dun mes.
Empezando polos cimentos
Unha das pezas claves no vestiario son os zapatos. Dunha boa elección dependerá a túa comodidade e saúde. Escolle sempre zapatos de pel e baixos. Un bo consello é que descartes os que pechan con cordón, cando a túa tripa medre agradecerás non ter que agacharte. E lembra que os teus pés poden medrar! Si, de seguro que che sorprende, pero é así en moitos casos. Non está de máis que os merques un pouquiño folgados.
Roupa ampla e adaptada ao teu corpo
Un bo recurso para as embarazadas son os vestidos amplos e cómodos. Isto non significa que os empregues para agochar a túa figura: hoxe podes presumir de tripa e sentirte ben. Aínda que nestas primeiras semanas poderás apañar roubándolle algunha peza de roupa á túa parella, esta é unha solución temporal. Normalmente a roupa de home ou as tallas especiais non che sentarán ben e non serán cómodas xa que non están adaptadas ao corpo dunha embarazada.
Suxeitador, unha inversión de futuro
Esta é unha das pezas que terás que renovar máis, xa que terá que irse adaptando ao teu peito e aos seus continuos cambios. Se o fas poderás evitar en gran medida a aparición de estrías ou a caída dos peitos. Cómpre que non merques suxeitadores que che veñan grandes esperando sacarlle máis partido e tampouco apurar un que xa non che sirva.
Braguiñas cómodas e hixiénicas
En canto ás braguiñas, non é necesario que empregues as que cobren o ventre a non ser que che sexan máis cómodas. Normalmente poderás levar as de sempre, iso si, dunha talla maior. Para evitar as infeccións vaxinais elíxeas sempre de algodón ou tecidos naturais que permitan a transpiración.
A circulación que non circula
Non che descubriremos nada novo se che dicimos que nesta época as pernas inchan, poden aparecer varices e aumenta a retención de líquidos. Por iso debes ter tino cos elásticos que che preman, tanto os calcetíns coma as medias, nas pernas ou na cintura. Se prefires medias de compresión lembra poñelas pola mañá cando aínda non tes as pernas inchadas.
E se pensas dar o peito…
Adiántate á lactación nas compras das derradeiras semanas de xestación. Comeza a mercar blusas ou suxeitadores que facilitan o acto de dar o peito. Podes incluír no teu armario, por exemplo, suxeitadores con copa abatible.




