Martes, 7 de Febreiro de 2012

Semana 14


A amniocentese

O líquido amniótico comparte as mesmas células có feto e, por iso, pode darlle ao teu médico unha prezada información.  Na análise deste elemento baséase a proba coñecida como amniocentese.

Normalmente, e dependendo do criterio do médico, recoméndase facerlles esta proba a todas as mulleres maiores de 35 ou 38 anos. Pero non é só para elas, tamén se practica en casos concretos nos que a embarazada teña antecedentes familiares de risco para o feto.

Que é a amniocentese?

Trátase dunha proba que se agrupa dentro das chamadas análises invasivas. Isto significa que nela extráese unha mostra directa de dentro do útero, en concreto do líquido amniótico. Normalmente realízase entre a 14 e 16 semana do embarazo, o que permite ter un diagnóstico moi temperán para descartar posibles problemas no desenvolvemento do feto.

Semana 14

Agardando

Un diagnóstico máis certeiro

Establécese se cómpre facer esta proba a partir dos resultados das análises de sangue ou se na primeira ecografía se ven sinais sospeitosos na liña curva do occipital. De todos os xeitos, non te poñas nerviosa se o teu médico che recomenda facer esta proba, moitas embarazadas se someten a ela.

Como se fai?

O procedemento adoita durar entre 10 e 20 minutos. A través do abdome, o médico introduce unha agulla pola que extraerá unha mostra do líquido amniótico. Para evitar o feto, a placenta ou outras zonas de risco, emprega a técnica da ecografía e así sabe exactamente como e onde facer a punción. Dese líquido amniótico obteranse células fetais que se cultivan durante unhas 3 semanas e posteriormente se estudan para analizar o estado do feto.

Diagnóstico

A amniocentese axuda a saber como vai o desenvolvemento do feto. Por exemplo, a través dela poderemos saber se hai alteracións cromosómicas, como o síndrome de Down, ou no sistema nervioso, como a espiña bífida. Ademais descobre afeccións xenéticas como a fibrose quística, a hemofilia, a distrofia muscular ou anemia das células falciformes. Os problemas cromosómicos danse máis nas xestantes maiores de 35 anos e, por iso, o médico adoita recomendarlles a proba ás embarazadas que superan esta idade. Pola súa banda, os problemas xenéticos son parte da herdanza familiar e por iso recórrese a amniocentese se consta algunha destas enfermidades no teu historial familiar.

Os riscos

A pesar de que a súa fama non lle axuda, a amniocentese é unha proba que pode dar moita información e que ten poucos riscos para o feto e para a embarazada. Normalmente o índice de aborto está entre un 0,5% e un 1%. Dado que o médico non a recomenda gratuitamente, é importante que penses con tino se realmente queres prescindir deste diagnóstico. Notarás só a aplicación da anestesia que se pon na zona da punción, polo que non adoita doer. Despois terás que gardar repouso durante uns 2 días para evitar riscos, por iso cómpre que vaias acompañada a facer a proba.

Avalía o teu caso concreto

O diagnóstico desta proba é fiable nunha porcentaxe moi alta e, normalmente, búscase descartar un problema serio que implica un risco real para o feto. Sería boa idea falar coa túa parella sobre a proba e pensar que faredes no caso de se detectar algún problema. Non é necesario que comeces a cavilar sobre posibilidades remotas, pero si debes ter máis ou menos claro cal sería a túa decisión no caso de necesitar decidir continuar ou non co embarazo.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario