Domingo, 5 de Setembro de 2010

Semana 23


Máis molestias

Xa estamos a piques de entrar no terceiro trimestre. O teu corpo mudou considerablemente e tes que soportar un maior peso. Por aí virán a maioría das molestias…

Dor de costas

A partir de agora estas molestias serán máis frecuentes, especialmente nos riles, nádegas e na parte alta das pernas. O incremento de peso fai que esta zona sufra unha maior presión, pero hai cousas que podes facer para alivialo. Por exemplo, debes evitar estar moito tempo de pé ou levantar pesos. Se a cousa non mellora lembra que te podes dar unha masaxe relaxante, pero acláralle sempre ao especialista que estás embarazada.

Síndrome do túnel carpiano

Trátase dunha dor punzante no dedo polgar e índice. Podes notar a perda de sensibilidade ou debilidade ao facer presión. Neste caso o mellor é que consultes un fisioterapeuta.

Atenta coas molestias

Atenta coas molestias

Cambras

Podes sentir estas molestias nas coxas, nas polpas ou nos pés. Aínda que poden aparecer antes, no terceiro trimestre é cando as cambras cobran máis forza, incluso pode que te esperten pola noite. Masaxea a zona con firmeza, flexiona o pé cara a arriba e empuxa o calcaño.

Movementos fetais

Aínda que non é unha molestia, senón todo o contrario, tes que ter en conta que a partir desta semana o feto pode ocasionar verdadeiras revolucións dentro de ti. Co tempo acostumaraste a que isto pase en calquera momento, especialmente cando estás tranquila.

Volta o bo apetito

Despois de pasar polas náuseas e pola acidez, agora recobrarás o gusto pola comida. As dixestións aínda non serán moi boas, pero xa serán máis curtas. Ten tino coas enchentes de comida. Non relaxes a túa dieta: come todo o que necesites, pero sempre alimentos nutritivos e equilibrados.

Proído no abdome

O comechón no abdome é tamén moi usual. Para alivialo debes manter a zona ben hidratada, así que non escatimes no uso de crema. Ademais tenta non empregar roupa de tecidos sintéticos moi cinguida ao corpo.

Falta de alento

Durante o embarazo aspiras máis osíxeno e o teu corpo sábelle sacar maior partido. Sen embargo, ti podes sentir todo o contrario por mor de que o útero preme sobre o diafragma. Ten paciencia, cando o feto se coloca sobre a pelve as molestias soen diminuír.

Sénteste torpe? É normal

Seguro que xa oíches falar do cambio do centro de gravidade no corpo dunha embarazada. Isto débese a que un aumento de peso tan localizado, fai que che sexa máis difícil moverte. Ten tino e desprázate lentamente e con consciencia. O obxectivo é evitar as caídas.

Contraccións de Braxton Hick

Aparecen de maneira ocasional e, normalmente, sen dor. Preparan o útero para o parto e, aínda que agora é cando son máis frecuentes, poden aparecer a partir da 20ª semana. O mellor é que poñas en práctica os exercicios de respiración que che ensina a túa matrona.

Ciática, unha dor punzante

A medida que transcorre o embarazo a cabeza do feto desprázase e pode oprimir os nervios ciáticos. Isto farache sentir dor ou sensibilidade nas pernas, debilidade ou formigos. Cando ocorra, asegúrate de que o malestar desaparece antes de seguir a túa actividade. Se che ocorre con moita frecuencia, fala coa túa matrona.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario