Domingo, 5 de Setembro de 2010

Semana 20


Embarazo e traballo

Unha embarazada non é unha enferma, e por iso debes seguir coa túa vida normal, o que inclúe o traballo.

A maioría das mulleres de hoxe en día teñen que compatibilizar as súas obrigas laborais coa súa faceta como nai. É a tan coñecida conciliación familiar e non sempre é doado. Esta conciliación xa comeza cando estás embarazada e hai aspectos aos que podes anticiparte.

Estuda o teu ambiente de traballo

Valora o tipo de traballo que realizas xa que hai moitas actividades que non están recomendadas para unha embarazada. Non podes subir a alturas ou realizar funcións que impliquen posturas complicadas. Tampouco debes levar cargas pesadas ou estar de pé máis de 3 horas. Ademais mantente afastada de lugares con cambios de temperatura repentinos, ambientes demasiado calorosos ou fríos ou onde haxa moito ruído. Se o teu traballo implica algún destes puntos ou algún outro risco, como o contacto con substancias perigosas, lembra que podes pedir un cambio de función ou posto durante o período xestacional. Este dereito mantense durante o período de lactación, ademais da posibilidade de contar con tempo libre para continuar dándolle o peito ao teu fillo se así o queres.

No traballo

No traballo

Cando dicilo?

En España non tes a obriga de comunicarlle o teu estado á empresa dentro dun prazo concreto. Pero debes ter en conta que haberá sinais externos que farán difícil que o poidas ocultar. Ademais dos cambios do propio corpo, pode que o teu rendemento laboral se vexa afectado por síntomas como as náuseas, os mareos, o cansazo etc. Tamén terás que pedir varios permisos para facer as probas prenatais, aínda que os podes xustificar como calquera outra visita ao médico. Se este é o teu caso, pensa se non paga a pena que te adiantes a que os teus compañeiros vaian sacando as súas propias conclusións. En calquera caso a decisión é túa.

Anticípate ás carreiras da fin do embarazo

Aínda verás o final do embarazo como algo distante, pero pensa que xa estás no ecuador do mesmo. Canto máis avances na xestación, máis molestias terás e non debes descartar ter que pedir unha baixa se non tes folgos para facer o teu traballo. Por todo iso, é importante que xa empeces a delegar funcións ou pasar responsabilidades a algún compañeiro ou á persoa que te substituirá durante a baixa por maternidade.

No momento da baixa

Nos embarazos sen complicacións, as mulleres soen decidir continuar traballando e pedir a baixa cando se achegan á semana 36. Dende logo, se o embarazo é múltiple ou hai algún risco engadido, é posible coller a baixa cando o precises. Lembra que unha vez te poñas de parto, tes 3 días para entregar na empresa a baixa por permiso de maternidade. Por outra banda, podes manter o contacto co teu responsable para establecer o momento de reincorporarte ao teu posto ou a necesidade de readaptar o horario ou as responsabilidades laborais.

Cobertura legal

A cobertura da baixa de maternidade depende da base de cotización do teu contrato laboral. Normalmente quedan cubertos todos os traballadores afiliados e dados de alta nalgún réxime da Seguridade Social e que acrediten un período mínimo de cotización. Se tes algunha dúbida debes falar coa túa empresa, o teu sindicato ou achegarte á Seguridade Social. No noso país, no caso de que a nai non teña dereito a suspender o seu labor con dereito a prestación, o pai poderá percibir o subsidio contributivo por maternidade se reúne todos os requisitos.

Xornada parcial durante a baixa

No caso de querer optar pola maternidade a tempo parcial, a lei establece que debe haber sempre acordo entre o empresario e o traballador. Neste caso a nai poderá gozar, dende 10 semanas antes da data de parto, dunha parte do descanso a xornada parcial; tralo parto, e unha vez esgotadas as 6 semanas de descanso obrigatorio, poderá consumir o resto da baixa en réxime en xornada parcial. Isto fará que te incorpores antes ao traballo, pero terás máis flexibilidade horaria durante máis tempo.

Máis info

Os sindicatos falan do embarazo e a conciliación laboral

Igualdade de Oportunidades e Conciliación Na Empresa

Permisos e subsidios por maternidade e paternidade

Condicións de traballo perigosas para mulleres xestantes

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario