Semana 6
Unha nova axuda: a matrona
Neste momento coñecerás a profesional que fará o seguimento de todo o teu embarazo. Ela será a túa cómplice durante esta etapa chea de incertezas. Se sabes sacarlles partido aos seus consellos, a matrona será unha das mellores axudas que poidas ter.
Se hai algún profesional do embarazo esa é a matrona. O seu labor baséase na atención na xestación, en calquera das súas etapas. Ela saberá orientarte sobre todos os aspectos para levala da mellor forma posible. Dende a semana na que a coñezas, ela acompañarate durante todo o embarazo e no período de educación para a maternidade.
Máis información e apoio
Ata os nosos días, as mulleres enfrontaron o embarazo dun xeito case instintivo e seguindo o ditame da tradición. Agora é moito máis sinxelo facelo dunha forma segura. Para iso podes ler moitos libros que a bo seguro che proporcionarán unha boa información, pero unha das mellores bazas que temos na actualidade é ter de man unha profesional coma a matrona. Elas están aí para garantirche toda a información para que goces das 40 semanas de xestación.

Matrona
Seguimento rutineiro do embarazo
En contra do que pensan moitas mulleres, a matrona será a encargada de coordinar todas as probas que che farán durante o embarazo. Ela non é unha axudante do médico, senón a profesional que mellor saberá facerche todo o seguimento. Ademais sempre que teñas dúbidas ou problemas, a matrona orientarate para poder solucionalo e mellorar o teu estado e o do futuro bebé.
Preparación para a maternidade
É común que ti e máis a túa parella esteades moi atarefados durante o embarazo, especialmente cando este chega ao final. De todos os xeitos, debedes facer un esforzo e acudir ás clases de preparación á maternidade. Nelas a matrona daravos información de primeira man, non soamente do parto, senón do embarazo, das súas fases, dos cambios no teu corpo e de como enfrontar a nova fase que se achega: a maternidade. Ademais do asesoramento da matrona, terás ocasión de falar das túas experiencias con outras mulleres na túa mesma situación, algo moi prezado no momento no que te atopas.
En resumo, pode que aínda sexa cedo para preocuparte por estas cuestións, pero debes ir tomando conciencia do importante que será esta profesional e as súas indicacións durante todo o embarazo. Non desaproveites esta prezada axuda.




