Semana 5
As emocións do embarazo
Os cambios máis rechamantes nunha embarazada sempre son os do seu corpo, pero non podemos esquecer a mente.
Parte dos altibaixos emocionais polos que pasarás estarán relacionados cos niveis hormonais e son case inevitables. Pero hai outros moitos que non. Ti e mais a túa parella teredes que enfrontarvos xuntos a varios retos para os que debedes estar preparados. Posiblemente ao longo das 40 semanas de embarazo todo vaia asentándose e poñéndose no seu sitio. Terás tempo para perderlle medo ao feito de ser nai. Cada momento ten as súas peculiaridades, pero lembra que os nervios non che poden impedir vivir o teu embarazo con ilusión.
Cando dicilo?
Cando ti queiras. En contra de todo o que che poidan dicir, ti es a protagonista do teu embarazo. Por iso, algo tan importante e tan íntimo como ter un fillo debe ser feito público só cando ti te sintas cómoda.
Hai moitas parellas que o din así que dá positivo o test de embarazo. Moitas outras prefiren deixar pasar as primeiras semanas. Deberás tomar a decisión que máis se adapte a ti e á túa parella. Tomade a decisión xuntos sen vos deixar levar pola vertixe do momento.

Novas emocións
Obsesións, un inimigo común
A información bombardearate por todos os lados. Coidado coa comida, coidado co estrés, ten tino coa túa seguridade, non fagas isto ou isto outro… Todas as recomendacións pódense volver na túa contra se se converten en obsesións. Intenta ser responsable cos teus hábitos, pero reláxate e goza do teu embarazo. Este é un momento que paga a pena vivir en parella e con tranquilidade.
Relación de parella
Moitas cousas cambiarán na túa vida e posiblemente a relación coa túa parella tamén. A nova responsabilidade pode abafar, pero é moi importante que te esforces por comunicarlle todos os teus medos e implicalo en todo o que poidas.
Sexo si
O feito de estares embarazada non cambia para nada a túa vida sexual. Podes manter relacións sexuais con completa normalidade. Fala coa túa parella e buscade novas posturas que vos sexan cómodas. En xeral, a sexualidade non ten por que cambiar máis alá do que marquen os picos hormonais. Neste senso, haberá momentos nos que a lívido descenda ata o chan e outros no que pasará todo o contrario. O noso consello é que sigas o teu ritmo sen presións.
Medo ao parto
Ao mellor aínda ves o parto coma algo distante, pero a medida que se achegue empezaraste a facer moitas preguntas. Por unha banda, preocuparaste polo proceso en si e sobre as posibles complicacións que poida haber. Por outra comezarás a cavilar sobre o tipo de parto que queres ter. Por todo iso, as clases pre-parto da túa matrona axudarante a saber que debes facer neste momento e como podes axudar a que o teu fillo chegue sen problemas.




