Semana 9
As primeiras probas
Estará sa? Terá problemas hereditarios? Será neno ou nena? Estas son algunhas das dúbidas máis usuais que teñen os futuros pais. Queda tranquila: hoxe en día hai moitas probas que permiten descartar posibles problemas, tanto para ti coma para o futuro bebé.
Non debes preocuparte por elas, a matrona indicarache cales son as que son necesarias no teu caso, dependendo do teu perfil clínico. Faremos un pequeno repaso para que te familiarices con elas.
Controis rutineiros
A medida que avance o embarazo, a túa axenda comezará a encherse de citas médicas. Moitas delas serán controis rutineiros que son necesarios para confirmar que o desenvolvemento do embarazo é o apropiado. É moi normal que sintas inquedanzas cada vez que se realice algunha delas. O medo a que algo vaia mal é algo común a todas as embarazadas. De todos os xeitos non debes preocuparte, son a mellor forma de garantir que a túa saúde e a do teu futuro fillo están ben.

Controlando o peso
Os primeiros pasos
Na primeira visita á matrona ela farache o teu historial médico. Para isto terás que contestar moitas preguntas, sobre ti e sobre os antecedentes familiares do futuro bebé que axudarán a valorar os posibles riscos. Daranche a cartilla de maternidade, onde quedará constancia de todos os controis que pases de aquí en diante. Entre estas primeiras probas está a citoloxía vaxinal, unha toma de mostra de fluído vaxinal para descartar infeccións. Tamén terás que facer unha análise de sangue e de ouriños, probas que se repetirán varias veces ao longo do embarazo.
- Ecografía: a proba prenatal por excelencia
Posiblemente sexa unha das probas máis esperadas polos futuros pais. Permite, por primeira vez, ver o teu fillo. A través dela, o especialista poderá facer a verificación do embarazo, do tempo xestacional ou se hai un só feto ou máis. Tamén se poden detectar posibles ameazas de aborto ou embarazos extrauterinos.
Probas especiais
Hai varias causas que poden facer que a túa matrona ou médico che recomende facer algunha proba prenatal especial. Isto pode pasar se pertences a algún grupo de risco, se tes ou tiveches algunha enfermidade complicada ou se tes algún factor hereditario que debe terse en conta durante o teu embarazo. Aínda que non debes preocuparte, algunhas delas son invasivas e teñen un pequeno risco. Contarás co asesoramento médico necesario, pero ti e a túa parella debedes tomar o tempo que precisedes para valorala.
- Biopsia de corión
Realízase a partir da 8ª semana de embarazo e permite facer unha análise dos cromosomas a través dunha mostra das chamadas vilosidades coriónicas. Cunha agulla chégase á placenta de onde se toma unha mostra. Desta forma o médico saberá se os cromosomas do futuro bebé son normais en número e estrutura. Faise unicamente nos casos nos que está xustificada a sospeita de que poida haber algún problema.
- Test de Coombs
É unha análise de sangue que se realiza á nai. Normalmente utilízase nos casos de incompatibilidade de sangue entre a parella para determinarse se a futura nai desenvolveu anticorpos contra o factor Rh positivo. Trátase dunha proba que detecta a presenza de anticorpos para o Rh no sangue das embarazadas con Rh negativo. Se durante a xestación dá positivo, o feto pode padecer anemia se o seu Rh é positivo. Se a proba é negativa, a nai non ten estes anticorpos e o feto non corre riscos.




