Semana 7
Primeiras molestias
O primeiro trimestre é un tempo moi complicado para a maior parte das embarazadas. O corpo estase a adaptar á nova situación e xa comprobarás que isto non será sempre doado. Aquí falamos dalgunhas das molestias que podes experimentar no teu embarazo.
Náuseas e vómitos
Algunhas afortunadas non terán que pasar por esta experiencia e outras terán que sufrilas ata o final do embarazo. Pero a gran maioría verán como o seu estómago lle fai pasar malos momentos só durante o primeiro trimestre, aínda que se lles faga eterno. En contra do que se pensa, as náuseas non son exclusiva da primeira hora do día, aínda que son máis comúns co estómago baleiro. Por iso tenta comer algo, unha galleta por exemplo, antes de levantarte da cama polas mañás.
En xeral trata de comer comidas lixeiras, baixas en graxas e facelo con máis regularidade. En lugar de facer tres grandes comidas no día, trata de facer seis máis pequenas.

Coidado cos medicamentos!
A que ule?
A hipersensibilidade aos ulidos pode ser psicolóxica, pero a verdadeira culpa tena a proxesterona e os estróxenos. Pode que non atures ulidos que ata o momento che gustaban. Ademais, calquera pequeno cheiro multiplicarase por mil no teu nariz. Curiosamente moitas embarazadas rexeitan os cheiros de produtos que poden resultar nocivos para o futuro bebé.
Sempre cansa
O teu corpo ten que destinar moita enerxía a cambiar para adaptarse e dar resposta ao novo inquilino. De novo temos que buscar a explicación nos altos niveis de proxesterona e no aumento do volume sanguíneo. Non loites para estar activa, terás que renderte á evidencia: é necesario que descanses máis. Arranxa a túa axenda para durmir un mínimo de 8 horas e, sempre que poidas, bota unha sesta.
Emotividade ou irritabilidade
“Non sei que me pasa.” Esa é unha das frases máis repetidas polas embarazadas nestas primeiras semanas. Os cambios de humor sucédense sen aparente razón ao longo do día. Intenta ter conciencia disto e non te inquietes: pouco ou nada podes facer ao respecto. Mantén a calma e reláxate.
Estrinximento
De aquí en diante podes ter problemas para manter a regularidade. Este é un síntoma propio do embarazo. O mellor que podes facer para aliviar estes síntomas é beber moita auga e tomar máis alimentos ricos en fibra.
Alerxias durante o embarazo
As alteracións dos niveis hormonais que se produzen durante o embarazo poden afectar ao desenrolo de reaccións de tipo alérxico. Aínda que o embarazo supón unha reducción na sensibilización frente a sustancias estranas, pode ocorrer que se derenrolen ataques de asma por primeira vez ou que sexan máis frecuentes durante o embarazo, aínda que soen ser menos fortes e máis doados de controlar. Tamén se poden experimentar síntomas de conxestión, irritación e goteo nasal; síntomas todos eles ligados aos cambios hormonais.
Primeiras dores de peitos
Nesta semana as mamas xa empezan a mudar: aumentan de tamaño e terás a sensación de inchazón ou tensión. Este é só o principio de todos os cambios que precisan para prepararse para a lactación. É aconsellable aplicar cremas habitualmente para hidratar a zona e empregar prendas cómodas.
Exceso de saliva
Tamén coñecida coma ptialismo é, aínda que resulte chocante, un síntoma xeral no embarazo. Resulta molesto, pero que non implica ningún risco. Non hai remedio para isto. Terás que pasalo, pero pódeche axudar lavar os dentes con frecuencia e empregar pastas mentoladas.




