Sábado, 19 de Maio de 2012

Semana 13


Recoñece algunhas infeccións

Hai virus e bacterias que che poden facer pasar un mal trago no teu embarazo. Non te preocupes, aquí van algunhas claves de como evitalas.

Na vida normal todos estamos expostos a infeccións. Algunhas teñen certa importancia e de outras nin nos decatamos. A necesidade de evitar riscos nas embarazadas fai necesario que nos manteñamos especialmente alerta ante elas. Se es propensa a sufrir algún tipo de infección informa a túa matrona para que o inclúa no teu historial. Polo demais, tendo tino coa hixiene e a seguridade alimentaria, non terás porque preocuparte. De todos os xeitos, ante a menor sospeita de padecer algunha, acude ao teu médico.

Toxoplasmose

A pesar da súa popularidade é, hoxe en día, moi pouco frecuente. Pódese contaxiar polo contacto con gatos descoidados ou ao inxerir carne pouco feita ou verdura mal lavada. É un risco importante para o feto, así que non descoides a hixiene na cociña e descarta a comida que non che ofreza confianza. Trátase normalmente con antibióticos.

Listeriose

É unha infección alimentaria que se pode contraer ao inxerir verduras mal lavadas, carnes e pescados pouco feitos ou lácteos sen pasteurizar. Paga a pena ter tino xa que, dependendo da súa intensidade, pode ocasionar risco de aborto ou parto prematuro. Para curala é necesario administrar antibióticos.

Acode ao médico se pensas que tes unha infección

Acode ao médico se pensas que tes unha infección

Rubéola

Todos sentimos falar desta enfermidade algunha vez. É un tanto peculiar xa que por si soa non é grave, pero o feto pode sufrir problemas conxénitos. Aparece en forma de ganglios inflamados e alteracións na pel. Non te preocupes, case todas as mulleres están vacinadas e é moi raro contraer esta enfermidade.

Varicela

Normalmente as mulleres adultas xa pasaron a enfermidade na infancia, polo que son inmunes. Se non pasaches a enfermidade, evita o contacto con persoas contaxiadas e infórmallo ao teu médico, xa que, de sufrila durante o embarazo pode ser un risco para o feto.

Infeccións urinarias

En xeral este tipo de infeccións son normais e tratables. Aféctalles ao 10% de mulleres embarazadas e o obxectivo nos casos máis graves é evitar o nacemento prematuro do bebé. As mulleres que tenden a ter este tipo de afecciones deben controlarse e, ao menor síntoma, ir ao centro médico.

Estreptococo do grupo B

É unha bacteria inocua que se encontra na vaxina dalgunhas mulleres. No caso de detectala, as embarazadas son tratadas con antibióticos. Coma sempre, se a sufriches no pasado faino constar no teu expediente médico.

Herpes xenital

Trátase dun virus que produce alteracións na vulva e no interior da vaxina. O maior risco ao que nos enfrontamos neste caso é o contaxio do bebé durante o parto. É por iso que se realiza o parto por cesárea. Se tes antecedentes deste problema fala coa túa matrona para que conste no teu historial.

Citomegalovirus

Pertence á familia dos herpes e contáxiase pola saliva ou ouriños. Se contraes esta infección hai posibilidades de contaxio ao teu feto, pero normalmente non supón grandes complicacións. Coida os teus hábitos de hixiene como lavar as mans a miúdo.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario