Semana 10
Alimentación no 1º trimestre
Para conseguir unha alimentación axeitada debes variar ao máximo a alimentación. Inclúe todos os grupos básicos de alimentos e, dentro de cada un deles, diferentes tipos. Lembra que deben ser ricos en proteínas, vitaminas e minerais e pobres en enerxía total.
Fai varias comidas
Non é aconsellable que unha muller embarazada pase moito tempo sen comer. Necesitas ter sempre enerxías para evitar os mareos e os desfalecementos. Ademais, se fraccionas as tomas conseguirás reducir as posibles molestias dixestivas e conseguir un mellor control da glicemia sen desequilibrar a dieta.
Toma o teu tempo para comer
É tan importante o que comes coma o xeito no que o fas. Débese comer amodo, mastigando ben os alimentos. Non teñas presa, séntate e goza, ademais esta é a mellor maneira de evitar as incómodas flatulencias.

Comendo con tino
Come o que precises
Non pases fame, senón o feto tamén a pasará. É lóxico que non queiras gañar moito peso a estas alturas do embarazo, pero non é o momento de empezar un réxime. Lembra que aínda que ti penses que tes reservas dabondo, a partir delas o teu feto non pode obter os nutrintes para o seu correcto desenvolvemento.
Toma froitas pero ten en conta os azucres
Dentro dun menú axeitado para o teu estado, debe haber un espazo privilexiado para as froitas. Todas elas son moi boas e necesarias para ter unha alimentación correcta. Toma as racións necesarias e varía todo o que poidas dentro das propias da estación.
Escolle os alimentos que mellor che senten
Entre toda a verdura de tempada, escolle as que non favorezan os gases. Iranche ben as acelgas, os porros, as espinacas, a escarola, a leituga ou os pementos. Igualmente, para asegurar a inxestión de proteínas apropiada, toma mellor pescado branco ca carne, normalmente máis graxa e máis difícil de dixerir.
Fibra, fibra e máis fibra
Axudarache a loitar contra o estrinximento. Este problema non mellora a medida que avanza o embarazo, así que mellor colle agora os bos costumes. Neste senso, os legumes son unha boa alternativa para garantir a inxestión de fibra. Toma tamén cereais integrais e verduras ou hortalizas. Non descoides a auga, é a mellor forma de apoiares o labor da fibra. Lembra sempre que deben ser uns dous litros ao día e mellor entre comidas para non entorpecer as dixestións.
Alternativas ao café
Como non debes abusar das bebidas con cafeína, pode que botes en falta unha taciña de algo para despois das comidas. Unha suxestión: toma té verde que che axudará a asimilar as graxas ou prepara unha infusión de salvia e xenxibre.
Ollo cos suplementos
Agora que estás a coidar moito a alimentación podes ter tentacións de tomar suplementos alimentarios, pero non son aconsellables sen a prescrición médica. Posiblemente tomes ácido fólico nestas primeiras semanas e pode que tomes ferro ou calcio de cara ao final. Todos eles poden ser moi beneficiosos, pero débechos receitar o teu médico, se o estima oportuno, e personalizar a dose ao teu caso concreto. Aínda que ti o fagas con toda a boa vontade, pode ter riscos para o feto. Por exemplo, nalgún caso o alto índice de vitamina A pode provocar anomalías como a fisura no padal ou malformacións cardíacas.
Extrema a hixiene
Se sempre coidaches a limpeza da comida, agora non debes relaxarte. Terás que respectar uns principios sinxelos para garantir a túa tranquilidade. Por exemplo, en caso de dúbida sobre o estado da comida, tíraa. Tamén debes descartar os botes mal pechados e vixiar a data de caducidade. Na cociña mantén limpas as superficies, escolle sempre as que non sexan porosas (non empregues táboas de madeira) e lava os trapos de cociña con frecuencia.
Quero algo doce!
Non podes pasar todo o embarazo contando as calorías. O mellor é que, de cando en vez, te deas unha homenaxe e tomes iso que tanto che presta. Hai pequenos trucos para que mates o bicho e non te metas unha enchenta de calorías baleiras. Podes preparar unha riquísima sobremesa con queixo baixo en graxa e marmelo. Outras boas opcións son os iogures con noces ou as froitas, como o plátano con caramelo. Unha tamén ten dereito a gozar do padal neste momento!




