Semana 12
Ponte guapa!
Aínda é cedo para que penses en mercar roupa especial. Lembra que segues sendo atractiva. Aproveita: nesta etapa estarás máis radiante ca nunca.
O embarazo é un ir e vir de sentimentos, sensacións, estados de ánimo… Por iso é importante que te sintas segura fisicamente e non te descoides. Aínda que a estas alturas do embarazo o teu corpo cambiou pouco, toca ser previsora.
Pel de melocotón
A pel mellora grazas á glándula tiroides que produce máis hormonas que melloran a circulación sanguínea cutánea. De todos os xeitos, pode que o tipo de pel varíe coa revolución hormonal que estás a sufrir, polo que é bo que adaptes os cosméticos á túa nova situación. Agora terás que renovar boa parte das cremas que viñas utilizando. Asesórate de cales son mellores para embarazadas e non esquezas hidratar tanto o rostro coma o corpo: é o momento para previr as temidas estrías. Por outra banda, non teñas medo da depilación. Só terás que prescindir de cremas descolorantes ou depilatorias, xa que a túa pel é máis sensible a produtos fortes.
Moito tino co sol
Terás que incrementar a protección solar durante toda a xestación. Aínda que sempre é recomendable protexerse das radiacións, agora terás máis risco de sufrir manchas na pel. Isto débese a que a melanina pode variar substancialmente durante o embarazo.
Pelo máis bonito ca nunca
Na maioría dos casos a proxesterona fai que o cabelo brille máis e estea máis forte. Pero tamén podes notar que o teu, se ten tendencia graxa, agora precisa de máis lavados para lucir coma sempre. Unicamente terás que utilizar un xampú máis suave. E se che gusta levar o pelo tinguido, deberás recorrer a produtos vexetais para evitar así posibles reacciones alérxicas e reducir o uso de tóxicos. Sería boa idea que manteñas, máis ou menos, o teu look habitual: estás tan sensible que pode ser duro afrontar un mal corte de pelo.
Sombra aquí e acolá
Se es presumida e sempre che gustou maquillarte, non tes por que deixar de facelo agora. Cóidate e gústate, o único que debes ter en conta é que tes que empregar a cosmética axeitada á túa nova situación e, preferiblemente, sen perfume. Se tes dúbidas ao respecto, podes consultarllelas ao teu farmacéutico ou esteticista.

Sentiraste moi ben
Roupa: primeiras pautas
Aínda é cedo para comezar a mercar roupa de premamá, pero lembra que o teu corpo comezará a mudar a todo dar e debes de ser previsora. Vai adaptando o teu vestiario aos cambios do corpo. Non merques roupa demasiado grande que non che favoreza, pero tampouco te empeñes en entrar nos pantalóns do ano pasado. Deberás levar sempre roupa cómoda, hai moitas pezas de roupa que teñen adaptadores que permiten que os utilices durante case todo o embarazo. En canto á roupa interior, utiliza tecidos de algodón para previr alerxias e garantir a transpiración. Presta especial atención aos cambios nos peitos e muda cantas veces sexa necesario de talla de suxeitador. Lembra tamén que hai medias especiais para embarazadas, así que tampouco tes que renunciar a elas, pero, se tes problemas de circulación, elixe sempre as medias compresivas. Axudarante a notar as pernas máis lixeiras.
Cos pés no chan
A medida que vaian pasando os meses mudará o teu punto de gravidade, por iso serás máis propensa a tropezares. Ademais, as túas articulacións estarán máis débiles e pode ser que sufras molestias nas costas. Por todo isto non utilices tacóns, especialmente se son moi finos e superan os 3 centímetros. Dille adeus tamén ás botas altas, poden oprimir as pernas e agravar os problemas circulatorios.




