Sábado, 19 de Maio de 2012

O aborto natural


Aínda que a ningunha muller lle guste pensar nisto, o certo é que hai algúns embarazos que non chegan ao seu termo. As razóns poden ser moi diferentes e, ás veces, non se pode facer nada por evitalo.

É imposible falar aquí de todas as razóns que se poden atopar detrás dun embarazo frustrado, entre outras cousas, porque nalgúns casos non se coñecen. Moitas veces é o propio corpo o que determina que un embarazo non podería chegar a bo termo. É sen dúbida un tema delicado, pero cómpre que tamén o coñezas.

Esperanza

Esperanza

A natureza “sabia”

Aínda que poida parecer un tópico, ás veces a natureza fai a súa propia selección. Algúns dos abortos que se producen nas primeiras semanas débense a que o embrión non se está a desenvolver ben.

Os incertos comezos

O maior risco atópase nas 12 primeiras semanas. Nestes casos fálase de aborto precoz. A incidencia deste é alta, especialmente tendo en conta que moitas mulleres non chegan a saber nunca que se trata dun aborto e pensan que están ante unha menstruación tardía e abundante. De todos os xeitos, non te obsesiones mirando o calendario. Goza coa túa parella dende o principio e leva unha vida sa, non podes facer nada máis e preocuparte non te axuda.

Aborto tardío

Se a perda do feto se produce despois da semana 13 denomínase aborto tardío e é moito menos frecuente. Adoita deberse a un problema do útero e o perigo pódese detectar nos recoñecementos médicos. Por iso, se se teñen sospeitas, o médico recomendará gardar un repouso absoluto.

A temida perda de sangue

Unha das imaxes que preocupa a unha embarazada é a de atopar manchas de sangue na súa roupa interior. O certo é que unha importante hemorraxia vaxinal acompañada dunha dor forte na parte inferior das costas pode ser síntoma de aborto. Aínda así non ten porque ser un aborto. Lembra que o sangrado vaxinal prodúcese nun alto número de mulleres embarazadas, pero a maior parte delas teñen no final un bebé san.

Algunhas causas comúns

  • Rexeitamento natural.
  • Contacto con certos produtos químicos e fármacos.
  • Infeccións graves.
  • Alteracións cromosómicas.
  • Problemas no útero, na placenta, no colo do útero, nos espermatozoides ou na implantación do óvulo.
  • Graves desequilibrios hormonais.
  • Produción de anticorpos.

Dálle tempo ao tempo

Aínda que sexa algo máis común do que se pensa, enfrontar un aborto non é doado. Dálle tempo ao tempo se tes que pasar por isto. Vai amodo, descansa e recapacita para asimilalo mellor. Non te precipites na busca dun novo embarazo e comparte as túas sensacións coa túa parella.

Non te desanimes

O feito de que unha muller sufra un aborto non é definitivo. Se ben é certo que convén deixar un tempo antes de tentar un novo embarazo, na maioría dos casos non hai secuelas posteriores e no futuro poderá ser nai.

Más información

Asociación Tanatología, Grupo de apoyo

Asociación Renacer

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario