Sábado, 19 de Maio de 2012

Semana 11


A ecografía

A maioría estaredes impacientes por ver, por primeira vez, o voso futuro bebé. Non te preocupes, reláxate e recreate do primeiro contacto.

As ecografías son probas que se repetirán varias veces mentres dura o embarazo. Quizais esta primeira é a que se espera con máis impaciencia, pero tamén na que verás menos. Lembra que estás nun momento moi temperán do teu embarazo, polo que non poderedes ver a cara do futuro bebé. Farás varias ecografías durante o embarazo. O número dependerá de moitos factores, pero a Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia recomenda unha por trimestre.

Como é unha ecografía?

A ecografía baséase nunhas ondas de son de alta frecuencia que rebotan contra os corpos. A través delas obtense unha información que é recollida por un sensor e é proxectada na pantalla onde vós a veredes. A primeira delas normalmente faise por vía vaxinal, a través dunha sonda que se introduce ata o útero. Ao ser unha fase moi incipiente esta é a forma de obter os mellores resultados.

A súa primeira foto!

A súa primeira foto!

Ondas de son sen perigo para o embrión

Non implica ningún risco para ti ou para o embrión, xa que non usa radiación. É unha proba non invasiva. Adoita durar entre cinco e trinta minutos e non é molesta. Para mellorar os resultados, posiblemente recomendaranche que teñas a vexiga chea, polo que terás que beber varios vasos de auga e non ouriñar ata que fagas a proba. Isto só é necesario nesta primeira ecografía, xa que despois o líquido amniótico fará esa función.

Que podemos descubrir?

Nesta primeira ecografía poderás confirmar varias cousas moi importantes:

  • Saberás se tes un ou máis embrións.
  • Comprobarás que o embrión está ben nidificado.
  • Comprobarás o tempo de xestación exacto.
  • Descartarás, na primeira fase, algún tipo de malformación.

Pero iso é o meu bebé?

Ao longo do embarazo irás coleccionando as impresións das ecografías; de feito, moitos álbums de fotos de bebés comezan con estas imaxes. Pero non te fagas ilusións, posiblemente nesta primeira non verás case nada ou, mellor dito, non entenderás moito. As imaxes deberán ser interpretadas polo especialista, sobre todo nesta fase tan incipiente. Como pista debes saber que a metade do tamaño total do embrión é a súa cabeza. Nesta primeira ecografía o obxectivo é comprobar que o embrión se desenvolve de maneira axeitada. Ten paciencia, terás tempo para velo con moita máis nitidez nas outras dúas probas.

Escoita o novo latexo

Esa será a maior novidade: un novo corazón latexa no teu ventre e poderás escoitalo por primeira vez.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario