Sábado, 19 de Maio de 2012

Alimentación no embarazo

3 - Agosto - 2010 por admin  
Arquivado en Destacamos, Embarazo, Xeral

Para conseguir unha alimentación axeitada debes variar ao máximo a alimentación. Inclúe todos os grupos básicos de alimentos e, dentro de cada un deles, diferentes tipos. Lembra que deben ser ricos en proteínas, vitaminas e minerais e pobres en enerxía total.

Propómosche tres menús diferentes para cada trimestre do embarazo, como exemplo dunha alimentación equilibrada e variada.

Primeiro trimestre


Almorzo

  • Leite só ou con café de cereais, un vaso de 200 ml. Pode ser enteiro se non hai exceso de peso.
  • 45 gr. de pan ou 6 tostas con manteiga de 10 gr. e marmelada, 10 gr. ou flocos de cereais, 45 gr.
  • Froitos secos como uvas pasas, melocotóns, albaricoques…
  • Auga.

Media Mañá

  • Froita cociñada mellor ca fresca. Un vaso de zume de froita.

Xantar

  • Ensalada de arroz: arroz, tomate, leituga, cebola, cenoria, aguacate, noces, brotes de soia, olivas, uvas pasas. Aliñada cunha cullerada de aceite e limón. Sal.
  • Unha peituga de polo de 150 gr.
  • Un iogur.
  • Auga.

Merenda

  • Froita cociñada ou froitos secos. Un vaso de zume de froita.

Cea

  • Sopa ou caldo de verduras, 200 ml.
  • Pescado branco, uns 125 gr. con guarnición de ensalada, leituga, tomate, cebola, cenoria, remolacha, apio, cogombro. Aliñada con pouco sal, limón e aceite, 1 cullerada.
  • Auga.
  • Un iogur.

Segundo trimestre

No segundo trimestre xa é necesario un incremento na cantidade da enerxía achegada ao corpo, ademais do aumento de proteínas, vitaminas e minerais. A partir de agora non necesitas ter tanto tino coas calorías extra, como acontecía no primeiro trimestre. No segundo trimestre o aumento do peso chega a ser de 4 ou 5 quilogramos. De feito a cantidade de calorías deben auméntanse nunhas 300 ao día, así aseguraremos que o teu corpo e o feto teñen todo o que precisan.

Almorzo

  • Dúas rebandas de pan con queixo fresco ou semifresco, 25-50 gr, con froitas secas como uvas pasas ou similar, 25 gr, e unha rebanda con xamón de York, tomate natural, ourego e pirixel.
  • Auga.

Media mañá

  • Froita cociñada, pastel de cabazo ou un pastel calquera de verdura.
  • Un vaso de zume de froita.

Xantar

  • Verdura cociñada ao vapor, 250 gr, como cenoria, cebola, porro, cabaciña, acelgas, cabazo, berenxena… con soia ou lentellas cocidas, 100 gr. Todo isto salteado con chícharos e unha pataca, aceite, unha cullerada, e un pouco de sal.
  • Auga.
  • Un iogur.

Merenda

  • Froita cociñada ou froitos secos.
  • Un vaso de zume de froita.

Cea

  • Ensalada de escarola, cebola, tomate, aguacate, espárragos, brotes de soia, améndoas, noces, atún en conserva, olivas e uvas pasas, aliñadas cunha cullerada de aceite e algo de sal.
  • Auga.
  • Un iogur.

Terceiro trimestre

Free Pretty Green Kiwi Fruit on Aqua with Little Flowers Creative Commons
No terceiro trimestre o crecemento fetal vai a toda velocidade. Isto esixe uns cambios metabólicos no teu corpo que aseguren o desenvolvemento normal. Para isto temos que garantirnos a cantidade necesaria de glicosa, graxa e proteínas.

Almorzo

  • Un vaso de 200 ml. mesturando leite de améndoas e auga a partes iguais. Flocos de avena, centeo e trigo, 50 gr., albaricoques secos, noces e uvas pasas.
  • Pipas de xirasol e de cabazo.
  • Auga.

Media mañá

  • Froita cociñada ou froitos secos.
  • Un vaso de zume de froita.

Xantar

  • Uns 50 gr. de lentellas con 150 gr. de arroz e 100 gr. de verduras como cebola, cenoria, allo e porro. Aceite, ourego e pirixel. Algo de sal.
  • Auga.
  • Uns 100 gr. de queixo fresco con froita seca.
  • Un iogur.

Merenda

  • Froita cociñada ou froitos secos.
  • Un vaso de zume de froita.

Cea

  • Uns 150 gr. de peixe branco aliñado con aceite e limón con outros 150 gr. de verduras ao vapor salteadas como cebola, cabaciña, tomate, porro, berenxena aliñadas con aceite e un pouco de sal.
  • Auga.
  • Un iogur.

Despois do embarazo

Despois de pasar polo embarazo pódeste sentir tentada a facer unha dieta estrita para perder o peso que gañaches. Terás que agardar un chisco máis se queres darlle o peito ao teu fi llo ou porás en perigo a produción do leite. Co parto non terminou todo, máis ben acaba de comezar. Debes seguir coidando a túa dieta para adaptala a esta nova etapa que comeza: a lactación. Se durante o embarazo era recomendable un aumento dunhas 300 Kcal/día, agora debes chegar ata as 500. O teu corpo ten un enorme desgaste e tes que aprovisionalo de todos os nutrientes que esixe aleitar ao teu fi llo. O incremento de enerxía terá que dar resposta a unha produción de leite duns 750 ml ao día, durante o primeiro semestre, e de 600 ml, no segundo. Pero aínda que lle deas esta achega extra, o teu corpo non terá suficiente, así que fará uso das túas reservas graxas. É por iso que as mulleres que optan pola lactación natural soen recuperar antes o peso anterior ao embarazo.

Máis información

Semana 10: Alimentación no 1º trimestre

Semana 17: Alimentación no 2º trimestre

Semana 26: Alimentación para o 3º trimestre

Semana 34: Alimentación postparto

Foto 1:Creative Commons License photo credit: John Steven Fernandez

Foto 2: Creative Commons License photo credit: Pink Sherbet Photography

Unidade de Partos do Complexo Hospitalario de Ourense

18 - Maio - 2010 por admin  
Arquivado en Destacamos, Embarazo, Xeral

Oteuembarazo visitou o Complexo Hospitalario de Ourense, adherido ao Parto Normal dende o 2008. Fomos atendidos por José Luis Doval (xefe de Obstetricia e Xinecoloxía), Antonia Iglesias Santos (supervisora da Unidade de Partos) e por Marisol de Diego Suárez (matrona). Entre os tres explícanos o proceso de implementación do parto normal, o equipamento co que contán na unidade e o que as mulleres poden esperar ao dar a luz no Complexo.

Equipamento


Equipamento Unidade Partos do Complexo Hospitalario Ourense from agalip on Vimeo.

O parto non intervido

As mulleres que optan por este tipo de parto e se pode levar a termo (non se presentan complicacións que o impidan) quedan moi satisfeitas co servizo.Na miña opinión, non todo é branco nin negro. A nosa filosofía e ir cara o parto natural pero non todas as mulleres o demandan nin en todos os casos é posible, ás veces xorden complicacións. A demanda de parto natural está actualmente sobre un 10-12%.

O importante é que as mulleres teñan posibilidades entre as que elexir e os profesionais traten de cumprir, sempre que sexa posible, os seus desexos. Debemos recuperar a confianza entre o profesional e a muller. Isto permite negociar o que se pode dar e ata onde.

Implementación da Unidade de Parto Natural


José Luis Doval, Complexo Hospitalario Ourense from agalip on Vimeo.

  • Esta Unidade de Atención ao Parto Natural está a funcionar desde o ano 2008. Como foi o proceso de implementación do Servizo?

O proceso iniciouse cunha solicitude de subvención ao Ministerio de Sanidade que, por aquel entón, contaba cunha liña dirixida a mellora de atención ao parto. Con estes cartos fixose a obra e mercouse o equipamento. Paralelo a isto, o persoal do servizo pasou unha estancia formativa en diversos hospitais españois que xa estaban aplicando esta técnica. A súa volta puxeron en común e explicaron ao resto de compañeiros o aprendido. A finalidade da formación era romper o esquema de actuación seguido ata ese momento.

  • No tocante a procedementos e actuacións, en que se diferencia dunha Unidade de Atención ao Parto Convencional?

Independentemente do tipo de parto que prefira a muller, non aplicamos ningún procedemento por sistema, como pode ser o rasurado ou poñer un enema. Na medida do posible, seguimos a mesma filosofía tanto se nos demandan un parto natural como convencional, sempre tendo en conta os desexos da muller e en función de como se presente o parto. Asemade, as mulleres poden vir e coñecer as instalacións e falar co persoal antes de dar a luz.

  • Con que recursos humanos e materiais conta? Son suficientes para atender a toda a poboación demandante? De non ser así, prevense plans de mellora ou ampliación da Unidade?

Os recursos humanos son os mesmos cos que se contaba con anterioridade. En canto aos materiais, habilitouse unha sala de dilatación con cama especial, monitores, bañeira e demais equipamento. Polo de agora son suficientes para atender a demanda, que anda sobre un 10-12%.

Aínda que só contamos cunha sala específica de parto natural, non quere dicir que no resto de salas non se dea ese servizo. E unha cuestión de modo de traballar máis que de recursos materiais. Co obxectivo de que todo o persoal aplique a mesma filosofía estanse levando a cabo cursos de formación.

  • A implantación desta modalidade de Parto enmarcase no Plan de Atención Integral á Saúde da Muller. Cal/es son os obxectivo/s que se perseguen co mesmo?

O Plan de Atención Integral tiña como obxectivo principal homoxeneizar os protocolos, xa que tal como aparece reflectido no estudo previo, non existía nin homoxeneidade nin equidade nos procedementos que se aplicaban nos distintos centros. Tamén se lle preguntou ás propias mulleres. Dentro do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller cabe destacar que ademáis dos temas relacionados coa xinecoloxía, tamén se recollían aqueles que teñen que ver con doenzas que afectan dunha maneira especial ás mulleres, como a fibromialxia, o reuma, etc.

  • Sabemos que no caso do hospital do Salnés, hai mulleres que non son da súa zona de influencia que queren ir dar a luz aí, atópanse vostedes con situacións similares? É posible que calquera muller dea a luz neste centro, independentemente de onde viva?

Iso non é así. Ben é certo que cando unha muller facía unha queixa e esta chegaba a altas estancias, facíase o posible para que fora atendida alí. Así que o que houbo foron casos autorizados pero limitados. Con todo, se ti queres dar a luz nun determinado centro só tes que entrar pola porta. Se algunha muller que non é da nosa área de influencia chama para ser atendida aquí, aténdese sen problemas. Mentres se poida atender a demanda non hai inconveniente.

Para maís información

Nota de prensa do Gabinete de comunicación do Complexo Hospitalario de Ourense, do 19 de Novembro de 2008. Descargar aquí parto-natural-ourense.

A lactación materna

15 - Abril - 2010 por admin  
Arquivado en Embarazo

lactacionA lactación materna é o xeito natural de alimentar aos bebés e nenos pequenos. Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), “é o modo ideal de aportarlles os nutrintes que precisan para un crecemento e desenvolvemento saúdables. Recomenda o calostro como o alimento máis axeitado para o neno acabado de nacer e a lactación materna en exclusiva durante os seis primeiros meses de vida”. (http://www.who.int/topics/breastfeeding/es/)

Cales son as súas vantaxes?

A lactación materna non só é beneficiosa para a saúde dos pequenos e das súas nais, senón tamén das familias e a sociedade.

  • Para o neno: non só é protexido fronte a distintas doenzas mentres está sendo aleitado, senón que tamén o é contra enfermidades futuras tales como: asma, obesidade e incluso infarto de miocardio na idade adulta.
  • Para a nai: axudándolle a recuperar o peso anterior ao embarazo e reducindo os riscos de padecer as doenzas asociadas ao post-parto (anemia, hipertensión, depresión), así como a osteoporose ou o cancro de mama ou ovario.
  • Para a familia: xa que é un gasto menos e tampouco hai que esquecer a súa conveniencia e comodidade.
  • Para a sociedade: ao ser un alimento ecolóxico que non precisamos fabricar nin envasar, afórrase enerxía e non se contamina o medio ambiente.

Iniciativas de fomento da lactación materna.

Ámbito administrativo.

Ámbito sanitario.

IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e a Lactación).

Esta iniciativa é unha proposta da OMS e UNICEF dirixida aos hospitais, servizos de saúde e salas de maternidade de cara a adopción de “prácticas que protexan, promovan e apoien a lactación materna exclusiva desde o nacemento”(http://www.ihan.es/index1.asp). Todos os centros que queiran sumarse a esta proposta deben seguir unha serie de pasos, tal como se detalla na páxina da IHAN. En Galicia, o Hospital Comarcal do Salnés (Vilagarcía de Arousa) cumpre os criterios do IHAN e o Hospital Virxe da Xunqueira (Cee) está a implementala.

Asemade, na nosa Comunidade Autónoma hai diversos grupos de apoio: asociacións e colectivos pro-lactación.

Para máis información

A lactación.

Respuestas a las preguntas más frecuentes sobre lactancia materna. (en castelán)

Recomendación para o aleitamento materno.

Creative Commons License photo credit: christyscherrer

Plan de Parto

13 - Abril - 2010 por admin  
Arquivado en Apoio á maternidade, Embarazo

plan_parto

Que é?

Un plan de parto é un documento escrito, onde a muller embarazada expresa os seus desexos e expectativas en relación ao desenvolvemento deste. O seu cometido é servir de orientación ao equipo de profesionais responsables da atención durante o parto. Pode ser elaborado en calquera momento da xestación, aínda que se aconsella facelo entre a semana 28 e 32.

O Plan de Parto elabórase coa finalidade de ser seguido no cauce dun parto normal. No caso de que xorda algunha complicación, é moi probable que teña que verse alterado de cara adaptarse aos protocolos de actuación clínica en cada situación. En calquera caso, a muller será informada e terá que dar o seu consentimento.

Unha vez posto por escrito é recomendable envialo ao Servizo de Atención ao Usuario do hospital por correo, con acuse de recibo e conservar o xustificante de recepción. Enviaranse 3 copias: unha para Atención ao Usuario, outra para o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia e outra para o Servizo de Neonatoloxía, xa que son os servizos responsables dos coidados da muller e do bebé. Tamén se debe solicitar que se incorpore ao noso historial e o día do parto levaremos unha copia por se houbera que entregarlla aos asistentes.

Para que facer un Plan de Parto?

  • Mellorar a comunicación co persoal sanitario e evitar ter que expresar os teus desexos nuns momentos nos que quererás adicarte a vivir plenamente a experiencia de ser nai.
  • Expor de maneira sinxela, clara e sen confrontación, a aquelas persoas que van estar contigo eses días, cales son as túas preferencias sobre o parto.

Que ter en conta á hora de redactar un Plan de Parto?

O plan de parto pode recoller aspectos relacionados coas preferencias persois; tales como onde dar a luz, quen me vai acompañar e cando, se prefiro usar a miña roupa, se quero a epidural e en que momento, etc. Tamén se poden recoller peticións sobre prácticas clínicas (enemas, rasurados, estimulación, tipo de monotorización…), aínda que sobre este punto existen diferentes opinións. Por exemplo, a Asociación de Matronas de Úbeda cree que este documento debe recoller só peticións sobre prácticas clínicas pois, segundo a súa opinión, cada caso é diferente e ante calquera intervención, a muller ten dereito a ser informada e a dar o seu consentimento. O instrumento legal para non someterse a intervencións de rutina non sería o plan de parto senón a sinatura da denegación de tratamento (http://www.matronasubeda.objectis.net/plan-de-parto/form). Pola contra, a Asociación El Parto es Nuestro e a Federación de Matronas contemplan, a hora de confecionar este documento, incluír tanto aspectos relacionados coas preferencias persoais como peticións sobre prácticas clínicas.

Nas seguintes ligazóns atoparás máis información ao respecto, así como modelos de Plan de Parto para que elixas aquel que máis se adecua as túas preferencias:

Matronas de Úbeda

El parto es nuestro

Federación de Matronas

Estratexia de Atención ao Parto Normal

A Estratexia de Atención ao Parto Normal, elaborada polo Ministerio de Sanidade e que contou coa participación das Comunidades Autónomas, ten como finalidade humanizar os partos nos hospitais. Esta Estratexia non é de obrigado cumprimento, pero moitos hospitais xa empezaron a aplicala. En Galicia, son os seguintes: Hospital Virxe da Xunqueira (Cee), Hospital Comarcal do Salnés (Vilagarcía de Arousa), Hospital da Costa (Burela) e o Complexo Hospitalario de Ourense.

Estratexia de Atención ao Parto Normal (Descargar pdf).

Que máis debo saber?

As peticións recollidas no Plan de Parto están lexitimadas, entre outras polas seguintes Disposicións e Textos Legais:

Creative Commons License photo credit: Dwonderwall

Polo teu propio ben

12 - Abril - 2010 por admin  
Arquivado en Embarazo

Unha  curtametraxe de Icíar Bollaín, protagonizada por Luís Tosar.

Outra forma de facer nenos…

15 - Febreiro - 2010 por admin  
Arquivado en Embarazo

Un divertido video, feito coa técnica Stop-motion por unha parella durante os 9 meses do embarazo…

How to Make a Baby from Cassidy Curtis on Vimeo.

Embarazo e Gripe A

2 - Febreiro - 2010 por admin  
Arquivado en Embarazo

No portal do Sergas podedes atopar información sobre a Gripe A, como evitar os contaxios e consellos para os grupos de risco. O embarazo é un deses factores de risco, así que vos copio eiquí a información do Sergas (Fonte) relativa ao embarazo, a lactación e o uso de anti-virais.

anuncio-4x7-mano-abierta

A GRIPE A(H1N1)v E O EMBARAZO

Este documento é un extrato do documento: “Pregnant Women and Novel Influenza A (H1N1) Virus: Considerations for Clinicians” dos CDC dos EE.UU, pólo que se quere acceder ao documento completo pode facelo a través do seguinte enlace:

http://www.cdc.gov/h1n1flu/clinician_pregnant.htm.

As probas que corroboran que a gripe pode ser máis grave nas mulleres embarazadas obtivéronse de observacións realizadas durante pandemias anteriores e de estudos en mulleres embarazadas con gripe estacional. Notificouse un número elevado de mortes en mulleres embarazadas asociadas á gripe durante as pandemias de 1918-1919 e de 1957- 1958; tamén se notificaron resultados adversos en embarazos logo das pandemias de gripe anteriores, entre os que se inclúen taxas elevadas de abortos espontáneos e nacementos prematuros, especialmente en mulleres embarazadas con pneumonía. Informes de caso e varios estudos epidemiolóxicos realizados durante períodos entre pandemias indican que o embarazo aumenta o risco de que a nai sufra complicacións pola gripe e pode aumentar o risco de ter complicacións durante o parto ou de que o bebé sufra problemas perinatais.

Tratamento con antivirais

O virus da gripe A (H1N1) que está circulando na actualidade é sensible aos antivirais inhibidores da neuraminidasa: zanamivir e oseltamivir, pero é resistente aos medicamentos antivirais do grupo dos adamantanos: amantadina e rimantadina. As mulleres embarazadas que se considere son casos de infección polo virus da gripe A(H1N1)v de acordo ás definicións de caso deben recibir tratamento antiviral empírico.

Tal como se recomenda para outras persoas que reciben tratamento, débese iniciar con oseltamivir o máis axiña que sexa posible despois da manifestación dos síntomas da gripe, e espérase que os beneficios sexan maiores se o tratamento comeza dentro das 48 horas de aparición da enfermidade, de acordo a estudos realizados sobre a gripe estacional. Con todo, datos obtidos de estudos sobre a gripe estacional indican que os pacientes hospitalizados benefícianse aínda cando o tratamento empece máis de 48 horas despois da aparición da enfermidade. A duración recomendada do tratamento é cinco días. A pauta con oseltamivir é a mesma que a recomendada para os adultos con gripe estacional.

O embarazo non se debe considerar como unha contraindicación ao uso do oseltamivir. As mulleres embarazadas poden ter un risco máis alto de sufrir complicacións graves debido á gripe A(H1N1)v e os beneficios obtidos polo tratamento o máis probable é que sexan maiores que os riscos teóricos polo uso de antivirais.

Outras formas de reducir o risco nas mulleres embarazadas

Aínda non se dispón dunha vacina para previr a gripe A (H1N1); con todo, o risco de adquirir esta enfermidade pode reducirse tomando as seguintes medidas que diminúen a posibilidade de exposición a infeccións respiratorias.

Estas medidas inclúen o lavado frecuente das mans, cubrirse a boca ao tusir, e facer que as persoas enfermas queden na casa, excepto para obter atención médica, así como diminuír o contacto con outras persoas na casa. Outras medidas que poden limitar a transmisión son a diminución do contacto social innecesario e o evitar no posible contornas onde haxa moitas persoas.

Información sobre a lactación materna

Os bebés que non están sendo aleitados son en particular máis vulnerables a sufrir infeccións e hospitalizacións por enfermidades respiratorias graves. Débese recomendar que as mulleres que dean a luz empecen a aleitar ao bebé enseguida e que o fagan frecuentemente. O ideal é que os bebés reciban a maior parte da súa nutrición do leite materno. No posible, débese evitar complementar a alimentación con leite artificial, para que o bebé reciba tantos anticorpos maternos como sexa posible.

Se a nai está enferma de gripe, ao bebé o coidará outra persoa, se é posible, e para alimentalo sacarase o leite cunha bomba para darllo cun biberón. Se non ten unha persoa para axudarlle, mentras teña síntomas a nai colocarase unha máscara cirúrxica e manterá unha axeitada hixiene respiratoria e das mans.

O tratamento con medicamentos antivirais non se debe considerar unha contraindicación para a lactación materna.

Segundo Trimestre

10 - Xaneiro - 2010 por admin  
Arquivado en Embarazo

A partir de agora non necesitas ter tanto tino coas calorías extra, como acontecía no primeiro trimestre. No segundo trimestre o aumento do peso chega a ser de 4 ou 5 quilogramos. De feito a cantidade de calorías deben auméntanse nunhas 300 ao día, así aseguraremos que o teu corpo e o feto teñen todo o que precisan.

Petiscos saudables

Segue coa dieta axeitada

Non debes esquecer todos os bos hábitos que gañaches durante o primeiro trimestre e as pautas de alimentación xerais. Unicamente engade alimentos máis ricos en lípidos como os froitos secos, queixos curados, peixes azuis ou alimentos máis ricos en azucres sinxelos como as froitas. A base da alimentación debe ser a mesma: alimentación rica en verduras, froitas, cereais integrais, legumes, froitos secos e peixe e moderada en carnes magras e lácteos graxos.

Importancia dos petiscos

A pesar de que ti te sintas con toda a enerxía do mundo, é importante que preveñas posibles desfalecementos. Unha das claves é manter os niveis de azucre constantes e para logralo é bo que comas cada pouco tempo. Con isto non queremos dicir que pases o día comendo lambonadas, senón que metas no teu bolso un saquiño de froitos secos ou un par de pezas de froita e que as tomes a media mañá e a media tarde.

Máis sobre o segundo trimestre

Primeiro trimestre

10 - Xaneiro - 2010 por admin  
Arquivado en Embarazo

Os cambios máis rechamantes nunha embarazada sempre son os do seu corpo, pero non podemos esquecer a mente.

Parte dos altibaixos emocionais polos que pasarás estarán relacionados cos niveis hormonais e son case inevitables. Pero hai outros moitos que non. Ti e mais a túa parella teredes que enfrontarvos xuntos a varios retos para os que debedes estar preparados. Posiblemente ao longo das 40 semanas de embarazo todo vaia asentándose e poñéndose no seu sitio. Terás tempo para perderlle medo ao feito de ser nai. Cada momento ten as súas peculiaridades, pero lembra que os nervios non che poden impedir vivir o teu embarazo con ilusión.

Cando dicilo?

Cando ti queiras. En contra de todo o que che poidan dicir, ti es a protagonista do teu embarazo. Por iso, algo tan importante e tan íntimo como ter un fillo debe ser feito público só cando ti te sintas cómoda.
Hai moitas parellas que o din así que dá positivo o test de embarazo. Moitas outras prefiren deixar pasar as primeiras semanas. Deberás tomar a decisión que máis se adapte a ti e á túa parella. Tomade a decisión xuntos sen vos deixar levar pola vertixe do momento.

Novas emocións

Novas emocións

Obsesións, un inimigo común

A información bombardearate por todos os lados. Coidado coa comida, coidado co estrés, ten tino coa túa seguridade, non fagas isto ou isto outro… Todas as recomendacións pódense volver na túa contra se se converten en obsesións. Intenta ser responsable cos teus hábitos, pero reláxate e goza do teu embarazo. Este é un momento que paga a pena vivir en parella e con tranquilidade.

Máis sobre o primeiro trimestre do embarazo: