Sábado, 19 de Maio de 2012

Ser Doulas en Galicia

5 - Agosto - 2010 por admin  
Arquivado en Asociacións

enero09nu5O termo doula non ten unha orixe clara: para algúns estudiosos procede da antiga Grecia e significa escrava, serva. Para outros, procede da lingua indi, e emprégase para referirse a unha muller experimentada. Na actualidade, a palabra Doula define aquelas mulleres, que axudan a outras no paso á maternidade. A súa principal tarefa é dar apoio, tanto físico como emocional, ao longo do embarazo, parto e posparto.

Esta figura, amplamente coñecida e recoñecida no ámbito anglosaxón, aínda é bastante descoñecida na nosa contorna. Sobre ese descoñecemento e, sobre todo, do seu labor, conversamos con Nuria Otero Tomera, Doula, Orientadora Familiar, Pedagoga e Psicopedagoga.

Que é ser Doula?

Unha doula é unha muller, xeralmente nai, que acompaña a mulleres no proceso de converterse en nais. É unha figura que traballa a empatía e a emoción, coa finalidade de que sexan as nais quen tomen as súas propias decisións. Nós nunca xulgamos nin damos consellos. O noso labor vai máis dirixida a que as mulleres sexan conscientes das decisións que toman e que estas sexan propias e non “impostas” polo ambiente que as rodea (familia, amigos, ou a sociedade en xeral). É un traballo de empoderamento da muller. Cada doula ten unha forma de entender o seu traballo. Eu afago intervir durante todo o embarazo, parto e posparto (até os 3 meses). Durante o embarazo, a nosa función é a de “tradutoras da información”, é dicir, explicar á futura nai toda a información que recibe nunha linguaxe clara e comprensible para que ela decida respecto diso (p. ex: realización dunha determinada proba, termos médicos, información contraditoria que recibe de fontes diversas…).

Maila en quatre temps

No parto exercemos de gardas, para que se respecten os desexos da muller e por tanto debemos coñecer moi ben a fisioloxía do parto. No posparto é o momento de establecer as bases que sustenten os vínculos nai-fillo. Durante este período, as visitas vanse espaciando até a súa desaparición. É importante non crear dependencia da nai cara á doula. Cando nos preguntan facemos máis preguntas, no canto de dar moitas respostas, co obxecto de chegar ao fondo dos sentimentos e que estes afloren e saian á superficie. Algunhas destas nais acaban sendo nosas amigas, porque compartimos momentos moi especiais, e iso une.

Existe formación para ser Doula?

Existe formación organizada polas propias doulas pero non está homologada nin acreditada por ningún organismo oficial. A formación é importante para mostrar o principio, pero cada unha de nós debe facer o seu propio camiño, porque cada doula ten un modo de entender o acompañamento. Desde o meu punto de vista, non sería bo que houbese formación regulada, xa que te converterías nunha peza do sistema e farías o que este che ensinou que tes que facer. Acabaríaslle dicindo ás nais o que deben facer e iso é o contrario do noso labor: “traballar para que as nais tomen as súas propias decisións”.

Porque crees que a doula non é unha figura coñecida na nosa sociedade?

É coñecida pero por un sector específico da sociedade, non polo gran público. O descoñecemento débese, en parte, á propia definición de doula, ao seu carácter non regulado, non regulado.

Se unha muller quixese recorrer aos servizos dunha doula, onde podería informarse en canto a tipo de servizos, tarifas, se hai doulas na súa zona?

O número exacto de doulas en Galicia non cho podería dicir, pero debemos de ser ao redor dunhas 10. En canto ao medio para informarse, fundamentalmente Internet, xa que non aparecemos nas páxinas amarelas e moitos profesionais sanitarios tampouco coñecen a nosa existencia. O que si facemos é que, se alguén nos chama a algunha de nós solicitando información, dirixímola á doula ou doulas que haxa na súa zona. Con respecto ás tarifas, cada unha ten as súas e estas varían en función do servizo. Mesmo, se unha muller non pode pagar, sempre se pode chegar a un acordo. No meu caso, estipulei 3 servizos: embarazo e posparto, parto e visitas soltas, o tres negociables.

Como é a relación entre a doula e o persoal sanitario?

En xeral existe descoñecemento da nosa figura e, por tanto, do noso labor. E iso dá lugar a certas reticencias, por exemplo, existe un sector de matronas que non están de acordo co noso traballo, cando o labor da doula é completamente diferente ao desempeñado polo seu colectivo. En cambio, tamén é certo que moitas matronas nos coñecen e moitas doulas traballan en equipo con elas.

Cal é a súa opinión sobre o embarazo e o parto en Galicia? Teñen as mulleres opcións para elixir?

A maioría de centros hospitalarios galegos non contan cunha Unidade de Atención ao Parto Normal. As mulleres non teñen opción de elixir, xa que se lles obriga a parir no centro que lles toca por lugar de residencia. A isto debemos engadir que moitas descoñecen que existe un Programa de Atención á Muller e que, do mesmo xeito que podes elixir médico, tes o dereito a escoller onde parir. Pero isto é algo que tamén se ignora ou se quere ignorar a nivel sanitario e da Administración. Durante un tempo, calquera muller podía dar a luz no Hospital do Salnés, un dos que contan con Servizo de Atención ao Parto Normal, pero como se viron desbordados pola demanda o que fixeron, no canto de ampliar a unidade ou implantala en máis centros, foi pechar a chave e agora só atenden a mulleres da súa zona de influencia.

Por último, fálanos un pouco dos teus proxectos

nuria-fotoProxecto Materna é unha asociación de doulas. Está formada por catro acodes que temos moi claro o noso modo de entender “como ser doula”; por iso é polo que non sexa unha asociación aberta. Nela teorizamos, reflexionamos sobre a maternidade, o papel da doula, etc. É fundamentalmente un traballo de investigación e reflexión.

Ser doulas” representa a concreción. É unha empresa dedicada a impartir cursos, talleres dirixidos a mulleres, familias e profesionais. Neles trabállanse aspectos relacionados co embarazo, o parto, a maternidade, a lactación… Xusto agora, comezamos a impartir a nosa I Formación para Doulas con gran éxito. Cubríronse todas as prazas e temos lista de espera. Tamén, en maio imos desenvolver un Obradoiro de Preparación Emocional ao Parto e ao Postparto.

A Asociación Criar co Corazón é unha asociación virtual, formada por nais e pais, que promove a crianza con apego. A súa principal actividade é o mantemento dun foro onde se pode atopar información sobre todo tipo de cuestións relacionadas coa crianza con apego (embarazo, crianza, lactación, educación…). E, ao mesmo tempo, un Grupo de Apoio Virtual e un Centro de Recursos. Tamén editamos a Revista Electrónica Criar.

Por último, até fai relativamente pouco tempo, fun a Coordinadora Local de  O Parto é Noso. O que facemos son reunións mensuais na Coruña, e agora tamén en Lugo, con nais para informalas, fundamentalmente, dos seus dereitos. Quizais o noso traballo nesta asociación é o máis reivindicativo de todos.

Ligazóns de interese

Proyecto Materna

Ser doulas

Ser Doulas en Facebook

Asociación Criar co Corazón

Os sindicatos falan do embarazo e a conciliación laboral

6 - Maio - 2010 por admin  
Arquivado en Apoio á maternidade, Asociacións, Destacamos

sindicatosPreguntamoslle a as responsables de Igualdade da CIG e CCOO sobre o embarazo, a maternidade, a paternidade, a lactación e o coidado de fillas e fillos*. Margarida Corral Sánchez, Secretaría Confederal de Muller e Mocidade da CIG e Mabel Pérez, Secretaría da Muller de CCOO contestan ás nosas preguntas desde a experiencia diaria.

1. No ano 2007 foi aprobada a Lei de Igualdade Efectiva entre mulleres e homes e a nivel galego, a Lei do Traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Que melloras supuxeron estas leis no ámbito da conciliación da vida laboral, familiar e persoal, do embarazo e a lactación?

MCS (CIG): A Lei Estatal supuxo unha pequena mellora xa que, entre outras medidas, aumentouse o permiso de paternidade, coidado por fillo ou filla e lactación, así como unha maior flexibilización do horario e das vacacións… A Lei Galega, pola contra, non afectou á conciliación xa que está pensada máis desde o punto do visto do funcionariado.

O marco legal é necesario, pero é excesivamente amplo e pouco definido, o que da lugar a baleiros legais e interpretacións subxectivas. En moitos casos, recoñece o dereito pero este queda supeditado ao acordo entre o persoal traballador e o empresariado. Se ese acordo non se dá, queda a vía xudicial. A medida que saen sentenzas favorables (recoñecen o dereito do traballador ou traballadora) estas sentan xurisprudencia de xeito que, en casos que se presentan a posteriori, é máis doado exercer ese dereito.

MP (CCOO): As melloras son evidentes en materia de conciliación coa reducción da xornada para nais e pais ata un oitavo da mesma, a ampliación do permiso de paternidade, a protección fronte ao risco no embarazo e outros permisos e licencias.


2. Que opinión lle merecen as distintas axudas ou subvencións que poden solicitar as familias para facer fronte aos gastos que supón criar un fillo ou filla? Son suficientes? Son as máis axeitadas?

MCS (CIG): Non nos parecen nin suficientes nin axeitadas xa que non hai unha verdadeira política de estímulo á maternidade na empresa. Seguese a pensar que “traballadora embarazada é igual a problema para a empresa”. Estamos en contra da política de subvención á empresa, así como a que se subvencione aos homes cando se acollen á redución de xornada por coidado de familiares. Cremos que é bo que haxa estímulos para que esto aconteza, pero ao mesmo tempo refórzase a idea de que as mulleres deben seguir facendoo de balde.

Desde o noso punto de vista, é máis axeitado que existan centros infantís nos polígonos, que a formación continua se leve a cabo en horario laboral e, de non ser posible, que exista un Servizo de Canguros que atenda aos nenos e nenas das persoas que asisten ao mesmo. É algo que sempre propoñemos nas mesas de negociación colectiva. Tamén, optamos pola racionalización dos tempos, é dicir, que os horarios laborais e os de servizos públicos, bancos e colexios sexan coincidentes.

MP (CCOO): Non estou dacordo coas políticas de natalidade baseadas nas axudas monetarias as familias, senón en garantir, por parte do Estado, os servizos axeitados para a atención a menores de 0 a 3 anos de xeito público, gratuito e universal, e todo tipo de servizos que abonden no estado de benestar.

Tamén en que as mulleres poidan asumir a maternidade de xeito compatible coa súa vida laboral, igual que poden facer os homes, sin que a maternidade sexa penalizada polas empresas.

Estas e outras de similar contido serían as mellores políticas de natalidade.

Creative Commons License photo credit: christyscherrer

3. As traballadoras e os traballadores coñecen os seus dereitos a este respecto? Facilita e permite o mercado laboral e/ou o entorno social exercelos?

MCS (CIG): Na maioría do caso coñecen a existencia do dereito en si, pero non en profundidade. Sóalles por algunha persoa coñecida que estivo nunha situación simular.

En canto a se o mercado laboral e o entorno social facilitan o seu exercicio, a resposta é non, xa que a empresa (en moitos casos) intenta facer sentir culpable a persoa que solicita ese dereito “Eres un egoista, non pensas nos teus compañeiros…”. Tamén está mal visto, tanto pola empresa coma polo entorno, o feito de que os homes pidan o permiso de paternidade ou a redución de xornada para o coidado de familiares. Non o cren, tómano coma unha excusa para ir traballar a outra empresa, por exemplo.

MP (CCOO): Non, moitos traballadores e traballadoras non coñecen os seus dereitos a este respecto, pero tampouco outros. Hai un descoñecemento por parte dos homes e mulleres asalariados de todos os seus dereitos e o xeito de exercelos, sobre todo se non están afiliados ou afiliadas a un sindicato. Tamén hai unha evidente presión empresarial para que non se exerzan.

4. Na consecución da igualdade de oportunidade, cal é o papel dos convenios colectivos?

MCS (CIG): En moitos casos, os convenios colectivos non teñen recollidas todas as medidas que marca a lei. Supoñen unha ferramenta para definir todas as ambigüidades das que falabamos en relación coa Lei. Intentamos que se introduzan cuestións como, por exemplo, permiso por fecundación invitro, realización dunha amniocentose ou que se teña en conta a adopción, sobre todo se é no estranxeiro.

MP (CCOO): Os convenios colectivos teñen un papel fundamental que está recollido na propia lei de igualdade, e é o de desenvolver medidas que quedan pendentes no texto da lei, e mellorar os preceptos nela recollidos. Os convenios colectivos son acordos entre partes lexitimadas para acordar que teñen a obriga de mellorar sempre o marco normativo e establecer medidas máis beneficiosas para a clase traballadora.

5. Hai interese por parte do sector empresarial en poñer en marcha medidas e/ou Plans de Igualdade?

MCS (CIG): Hai interese no caso en que o marca a Lei (empresas de máis de 250 traballadores ou traballadoras) pero só polo feito de ter cuberto o trámite. Con todo, a día de hoxe, só un 20% das empresas, con obrigatoriedade de contar cun Plan de Igualdade, comezaron cos trámites.

Non hai unha verdadeira vontade, nin por parte da empresa nin por parte das consultoras que fan o Plan. Aínda que detecten discriminación nunca o recoñecen como algo da empresa senón como unha cuestión do mercado de traballo. En moitos casos infórmase aos representantes dos traballadores (teñen a obriga de telos en conta na elaboración do Plan) pero non se recollen as súas aportacións. Aínda así a efectos da administración ese Plan é válido.

ccooMP (CCOO): Non, en xeral e salvo honrosas excepcións, moi loables, non hai interés por parte dos empresarios. Non hai interés en desenvolver medidas ou Plans de Igualdade, nin outras a prol do medioambente ou outras cuestións que impliquen unha responsabilidade social por parte das empresas. Esto é debido a cortedade de miras e a un tecido empresarial débil e pouco cualificado, que non alcanza a ver que as mellores condicións de traballo e lugares de traballo sans e agradables estimulan a productividade e rentabilidade. Podemos ver que as empresas socialmente máis responsables son en xeral empresas moi productivas e temos excelentes exemplos.

6. En xeral, no ámbito da igualdade e, máis concretamente, en todo o relacionado coa conciliación e a corresponsabilidade. Que aspectos se deben mellorar?

MCS (CIG): Cómpre a implicación de toda a base social e que estes temas non sexan vistos como que afectan só as mulleres. Son precisos máis medios, mellores infraestruturas e alongar a baixa de maternidade ata os 6 meses, xa que é o tempo mínimo que se aconsella dar o peito, independentemente de que a muller opte pola lactación materna ou non. Isto é unha decesión moi persoal.

Con respecto dos riscos do embarazo e daqueles asociados a el, é necesario traballar na definición do posto de traballo e os riscos que leva asociado. A día de hoxe, só se recoñecen os traballos repetitivos, que supoñan cargar con peso ou traballar con produtos químicos ou radiativos. En moitos casos, por non estar recoñecido o risco, a muller ten que solicitar unha baixa por enfermidade común. Isto significa cobrar só o 75% de soldo e non o 100% que é o que estipula a lei cando a baixa é por risco durante o embarazo.

MP (CCOO): E necesaria unha reforma da lei orgánica de igualdade. Despois de tres anos desde a súa aplicación, é necesario analizar os incumprimentos, moi abundantes, e os poucos avances que se teñen dado e suxerir alternativas que realmente permitan os avances en igualdade.

Tamén é imprescindible que os homes se incorporen de xeito corresponsable a asunción do seu papel de pais e que asuman a conciliación como unha responsabilidade propia, neste intre as medidas recollidas na lei son solicitadas na meirande parte por mulleres.

7. Cal é a postura do seu departamento ao respecto? En que accións están a traballar?

cigMCS (CIG): Desde a Secretaria ofrecemos información as persoas que nolo demandan. Participamos na negociación dos Convenios Colectivos para que polo menos se recolla o mínimo marcado pola Lei e asesoramos en demandas presentadas por non recoñecemento dun dereito por parte do empresariado.

Tamén participamos en distintos grupos como pode ser a Mesa da Concertación dos Tempos da Cidade ou o Consello Galego de Relacións Laborais.

Asemade, elaboramos varias publicacións, tales como: Guía de Saúde Laboral desde unha Perspectiva de Xénero, Guía Práctica para a Prevención de Riscos Laborais no Embarazo e a Lactación, Guía de Negociación Colectiva desde a Perspectiva de Xénero.

MP (CCOO): Estamos traballando na esixencia da aplicación da lei, a través de acordos na negociación colectiva, formando os delegados e delegadas para que trasladen as propostas de avance en igualdade a todos os convenios. Establecendo a necesidade da negociación en todas as empresa de Plans de Igualdade, e demandando a actuación da inspección de traballo nos incumplimentos máis flagrantes.

Tamén estamos recollendo os incumprimentos e as deficiencias da actual Lei e estamos preparando as nosas propostas para unha posible modificación.

Ligazóns

Contacto

* Outros sindicatos tamén foron contactados para este artigo, pero non obtivemos ningunha resposta deles.

Kanguras. Criando en brazos

3 - Maio - 2010 por admin  
Arquivado en Asociacións

p3270012Kanguras. Criando en brazos é unha asociación cuxo obxectivo principal “é a formación dunha rede de familias, nais e pais que sintan inquietude polos procesos de embarazo, parto, maternidade, puerperio, lactación materna, crianza con apego e educación dos fillos, vividos de maneira plena, informada, responsable e consciente” (máis info aquí ). Para coñecer un pouco máis a este colectivo, as súas actividades e os valores que defenden conversamos con Marta García, a súa Secretaria.

Cando e como se constitúe a Asociación?

Constitúese en Setembro do 2007 como resposta ás inquedanzas de varias familias, que querían ter un lugar de encontro para compartir sobre temas relacionados coa crianza dos nenos, en xeral. A idea principal é facer xuntanzas, compartir recursos, organizar talleres, charlas etc.

Cales son os seus obxectivos?

Os seus obxetivos fundamentais, como se pretendía na súa constitución coma asociación, son a creación dun espacio de encontro e convivencia, onde as familias poidan compartir experiencias, dúbidas e reflexións en torno á maternidade/paternidade. Foméntase, incentívase e dase a coñecer a crianza con apego e con respecto dos procesos evolutivos das nenas e nenos.

Desde Kanguras tratamos de dar resposta e apoio a outras mulleres e familias en temas relacionados co embarazo, o parto, a lactación materna, a crianza con apego e a educación.

Para isto, baseámonos nas recomendacións da Organización Mundial da Saúde e da Asociación Española de Pediatría (somos grupo de apoio á lactación materna, e estamos federadas en Fedegalma (Federación de grupos de apoio á lactancia materna de Galicia).

p3270010

Ofrecemos información tamén sobre a necesidade vital do contacto físico para o desenvolvemento emocional dos nenos e nenas, desde o momento do nacemento, fomentando a non-separación nai-bebé despóis do parto, a masaxe infantil, o respecto á fase en brazos e os diferentes xeitos e axudas para transportar aos nenos.

Difusión de métodos e prácticas educativas que respecten os procesos madurativos naturais de cada neno e nena.

Fomentamos a participación na mellora da realidade social, educativa e cultural promovendo actividades e accións en pro do desenvolvemento persoal e o sostén de mulleres e familias, fomentando a inclusión das parellas como membros activos na educación dos cativos e apoiando medidas a favor da conciliación familiar e laboral.

Con todo isto, tratamos de devolver aos nenos un lugar respectado e valorado na nosa sociedade e tamén o fomento das redes de apoio social para a consecución destes obxectivos.

Que é a crianza natural con apego?

A “crianza con apego” (attachment parenting), é unha frase acuñada polo pediatra William Sears. É unha filosofía basada nos principios da teoría do apego, na psicoloxía do desenvolvemento. Segundo esta, un forte enlace emocional cos pais durante a nenez, tamén coñecido como apego seguro, é un precursor de relacións seguras e empáticas na idade adulta.

Que actividades levan a cabo?

As actividades básicas da asociación Kanguras nacen das xuntanzas periódicas con nais e familias nas que se comparte información e experiencias. Estas teñen lugar o primeiro e terceiro sábado de mes no Centro Cívico de Feáns, en A Coruña, en horario de 11.30 a 13.30.

p3290035

Desde estas xuntanzas, calquera familia pode organizar actividades. Ata o de agora, fixéronse:

  • Movilizacións e recollida de sinaturas para a ampliación da baixa maternal a seis meses.
  • Obradoiros de portabebés.
  • Charlas con Rosa Jové, psicóloga especializada en clínica infantil e xuvenil e en psicopediatría. Autora do libro “Dormir sin lágrimas”.
  • Curso de lactación materna con Helena Herrero e Araceli Sánchez.
  • Obradoiros para os nenos.
  • Xornadas de educación e crianza en colaboración co Campus de Alcoy, da Universidade de Valencia, etc.

Somos unha asociación pequena, pero a acollida é boa.

Que podemos atopar en www.kanguras.org?

Na nosa web pódense atopar contidos dos que vimos falando, recomendación de lecturas, artigos de interese, ligazóns, e a actualidade da asociación, as nosas actividades e as dos grupos cos que estamos federadas, en Fedegalma.

Quen pode formar parte da Asociación? Unha persoa que queira contactar coa asociación, como pode facelo?

Pode formar parte da asociación calquera persoa ou familia interesada nestos temas, que queira compartir inquedanzas e recursos sobre os mesmos. Para contactar con Kanguras, temos a páxina web, www.kanguras.org, o noso correo electrónico, info(@)kanguras.org, e os móviles da actual presidenta, Cristina Yudego, 626164768, o o de la actual secretaria, Marta García, 617462966.

Ligazóns de interese.

http://www.kanguras.org/

Kanguras no facebook

Asociación Por la Libre Educación.

Falemos de Parto – Reunión aberta en Coruña de O parto é noso

8 - Febreiro - 2009 por admin  
Arquivado en Asociacións

  • Actividade: Charla aberta sobre o parto
  • Lugar: Centro Cívico de Monte Alto, Vereda do Polvorín, 2-4, A Coruña
  • Cando: Sábado 14 de Febreiro ás 10.30 horas
  • Para quén: mulleres embarazadas que queiran saber máis sobre o parto non medicalizado

Lavado y arropadoA asociación O parto é noso, OPEN, fará unha reunión aberta en Coruña ó 14 de Febreiro. Nela falárase do parto, do embarazo, do puerperio e a lactación.  O parto é noso é un grupo local da asociación estatal El parto es nuestro, que ten como obxetivo reivindicar un maior respeto e protección cara os dereitos de nais e nenos,  modernizar 0 sistema de atención obstétrica español e difundir as recomendacions da Organización Mundial da Saúde na atención no parto.

Esta é unha reunión para ti se tes dúbidas sobre o parto e o tipo de atención que terás nel, se queres tentar ter un parto o menos medicalizado posible ou se queres saber máis sobre a lactación materna e como fomentala. Eíqui vos deixo algúns enlaces de interese:

O parto é noso (blog): http://elpartoesnuestro.es/opartoenoso/

El parto es nuestro (ES): http://elpartoesnuestro.es/index.php

Recomendación da OMS sobre o parto e o embarazo (ES): http://www.who.int/rhl/pregnancy_childbirth/es/

Creative Commons Licensephoto credit: Daquella manera