Os primeiros paseos
Aínda vos estades adaptando aos ritmos do bebé. Cambiar cueiros, dar o peito, atender choros… todo é novo. Por iso as primeiras saídas poden ser esgotadoras xa que tedes que unir a isto o manexo da cadeira pola cidade. Non vós preocupedes, co tempo farédelo cos ollos pechados.
Roupa para saír á rúa
O bebé, cando sae á rúa debe ir abrigado, pero hai que ter tino co abuso de roupa xa que podedes acaloralo e estará incómodo. A pesar disto, tampouco convén que pase frío xa que na primeira semana de vida non pode regular a súa temperatura corporal. Adecúa a súa vestimenta á estación e á temperatura do día.

Listo para sair a dar unha volta
Protexédeo do sol
Lembrade que a pel do voso bebé é moi sensible, polo que debedes sacalo á rúa sempre ben protexido. Se podedes poñédelle un parasol á cadeira, desta forma evitaredes que lle cheguen os raios de sol directamente. Ademais nunca esquezades votarlle unha crema protectora na pel que quede exposta, especialmente no verán. Consultade o voso pediatra ou farmacéutico sobre cal é boa para vós, xa que non todas as peles son iguais, e por canto tempo fai efecto na súa pel .
Os portabebés
Este sistema é moi recomendable se ides saír dar un paseo e non queredes levar a cadeira. Lembrade que ata que teña tres meses o bebé debe ir mirando cara a un. Así estará apoiado no peito e sentirá o latexar do corazón, o que lle resultará moi relaxante. Colocade ben o portabebés antes de colocar a cativa e, cando cheguedes á casa, facede o contrario: primeiro sacade o bebé e despois sacade a mochila.
Cadeiras de paseo
No mercado existe actualmente unha enorme oferta de cadeiras para saír co voso bebé. Á hora de escollela tede en conta ademais do voso gusto o voso presuposto e estilo de vida. O primeiro que deberiades mirar é que cumpra con todas as normas de seguridade e que sexa cómoda para o bebé. Debe ser firme pero acolchada para que o neno estea relaxado. Ademais debe facilitar varias posicións que se irán axeitando ás necesidades da pequecha e ao seu crecemento. Outro punto a ter en conta é que o guiador sexa regulable á altura da persoa que o leva e que teña integrado os freos. En canto ao chasis, tede en conta que as que son de aluminio son moito máis lixeiras, o que fai máis sinxelo empurralas. Despois pensade nas vosas necesidades reais: Collerá no coche? E no ascensor? Necesitades que teña espazo adicional para gardar as súas cousas e mais as vosas? Non vos preocupedes, as posibilidades que vos dan os fabricantes son case ilimitadas.
No coche, ante todo seguridade
Non fai falla que vos digamos aquí o importante que é que o voso fillo teña a máxima protección no coche. Asegurádevos de que teña todas as garantías e conte coas certificacións necesarias. Normalmente ponse na parte posterior, pero tamén, se estades máis tranquilos, podédelo poñer no asento dianteiro. Se facedes así debedes quitarlle o sistema de airbag dado que no caso de ter un accidente esta bolsa de aire pode causarlle danos ao bebé. Ademais, ata que teña un ano de idade, debe ir mirando cara a atrás no asento dianteiro. Deste xeito evítase que teña lesións ou movementos bruscos no pescozo. As instrucións do fabricante explicaranvos como colocalo axeitadamente, seguide as súas indicacións. Outro consello é que poñades un parasol no coche para que os raios solares non incidan directamente no bebé.
Todo o que necesitas
Saír da casa cun bebé implica ter que preparar sempre unha maletiña para posibles imprevistos. Cueiros, babeiros, toalliñas, biberón… Nada debe quedar á improvisación, anticipade calquera eventualidade. Pero non vós preocupedes, esa bolsa estará preparada dunha vez para outra e unicamente vos teredes que preocupar por repoñer o que se vaia esgotando.
Ideas para o pack básico
- Varios cueiros.
- Roupa de muda.
- Toalliñas húmidas.
- Crema para as irritacións.
- Bolsa para gardar a roupa lixada.
- Chupeta de reposto.
- Sombreiro para o sol ou gorro para o frío.
- Babeiros.
- Todo o necesario para a lactación se é artificial.
- Unha touca ou manta.
- Un xoguete.




