Sábado, 19 de Maio de 2012

Molestias comúns


O teu bebé pode chorar sen parar durante horas e, se non sabes a que é debido, isto pode provocarche ansiedade. En moitos casos tratarase das molestias típicas nos bebés. Non son graves pero si incómodas e cómpre que coñezas a mellor forma de alivialas.

Por que chora o bebé?

Esa será a pregunta máis repetida durante as primeiras semanas, polo menos ata que aprendas a recoñecer algunhas das súas chamadas de atención. Os choros pódense deber a moitas causas. Por exemplo, pode que teña fame, frío ou calor, sobresaltos por ruídos ou o cueiro mollado. Pronto entenderás de que se trata en cada intre, aínda que non sempre hai un porqué.

Coidandoo con mimo

Coidandoo con mimo

Os temidos cólicos

Os cólicos do lactante son espasmos ou contraccións intestinais. É unha molestia bastante común nos pequechos e pode ser incómoda pero non é grave. Normalmente preséntase a última hora da tarde ou primeira da noite. O teu fillo comezará a chorar e a moverse nervioso. Posiblemente os choros duren bastante, co que é bo que fagades quendas os dous para ter tino del. Mantédevos tranquilos e seguide uns pequenos trucos:

  • Sostén o bebé en postura vertical. Isto axudaralle a expulsar os gases.
  • Pon unha toalla morna no abdome do bebé para que se relaxe. Lembra que a temperatura non debe ser moi alta.
  • Fai pequenos movementos circulares no abdome para relaxar a zona.
  • Dálle unha masaxe nas costas con suavidade. Axudaralle a tranquilizarse.
  • Se os choros se repiten e o bebé non acouga, non dubides en consultar o teu pediatra.

Estrinximento infantil

Normalmente o estrinximento non soe aparecer nos cativos que toman o peito. Aparece cando hai cambios na dieta como, por exemplo, cando a nai completa as tomas con leite artificial ou empeza a introducir outros alimentos. É por iso que non é usual que nestas primeiras semanas sufra esta doenza. Nos primeiros momentos o bebé eliminará os restos do líquido amniótico que ten no aparato dixestivo. Despois, e á medida que se afaga á lactación, as súas deposicións soen tornarse regulares. Se de todos os xeitos notades que ten estrinximento, podedes darlle unha pequena masaxe abdominal para axudar a regular o ritmo intestinal. Tamén un baño morno pode axudarlle a relaxarse e a facilitar a evacuación. Por último, no caso de que o voso bebé tome leite artificial, asegurádevos que estades a manter a proporción que recomenda o fabricante no envase.

Diarrea

O sistema dixestivo dos bebés é moi sensible e poden pasar por episodios de diarrea suave que non vos deben alarmar. Normalmente os bebés alimentados con lactación materna teñen menos posibilidades de sufrila xa que están protexidos polos propios anticorpos da nai. As infeccións pódense deber a múltiples factores e normalmente non teñen maior importancia. De todos os xeitos se a diarrea vai acompañada de vómitos e non cesa, cómpre que acudas ao médico rápido para evitar que o bebé sufra deshidratación.

Irritación na zona do cueiro

Se hai un mal típico nos cativos ese é a irritación da pel nas nádegas e na zona xenital. En moita medida poderás evitalo tendo certo tino cuns coidados precisos. Por exemplo, cambia os cueiros coa frecuencia necesaria para garantir que estea sempre seco. Por norma xeral teredes que facelo sempre despois de cada toma. Limpade ben a zona e sempre secádeo cunha toalla limpa. Se notades que a pel está vermella ou ten graniños, tratade de mantelo sen cueiro un bo tempo despois de limpalo. Deste xeito permitiredes que se airee. Finalmente preguntádelle ao seu pediatra se cómpre empregar algunha crema ou aceite que lle axude a recuperar a hidratación na zona. Se é así, botádella despois de limpalo e coa pel completamente seca.

Febres no bebé

Aos bebés pódeselles tomar a temperatura na axila ou por vía rectal. Ten en conta que, no segundo caso a temperatura será medio grado máis alto. Lembra tamén que a temperatura neles é máis alta ca nos adultos e considérase que ten febre cando a temperatura pasa dos 38ºC. Se notades que o voso fillo ten febre, debédeslle poñer o termómetro cada media hora e apuntar cada medición para ver como evoluciona e acudir ao pediatra para descubrila causa. Pode tratarse dunha infección normal que remitirá nun par de días.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario