Durmir e chorar
Durante o primeiro mes perderedes moitas horas de sono. Pero hai algúns trucos que vos poden axudar a levalo mellor.
Aínda que vos pareza incrible os bebés xa teñen o seu propio caracter. Por iso algúns pais pasan as noites máis ou menos sosegadas xa que o seu cativo é tranquilo e durmiñán. Nembargante hai outros que se teñen que adaptar aos requirimentos dun bebé máis inquedo e cun sono máis lixeiro.
Moito máis cun descanso
O tempo de sono para o voso bebé é primordial. Non soamente lle axudarán a recobrar forzas, senón que activará o seu desenvolvemento e crecemento. Isto débese a que durante estas horas a hormona do crecemento traballa sen descanso. Por iso é primordial que lle respectedes os ritmos de sono e lle axudedes a sacar partido ao descanso.

É normal que chore... pero saberás tranquilizalo
Anarquía de sono e vixía
De todos os xeitos debes saber que nos primeiros meses os hábitos e ritmos do sono no bebé cambian a miúdo. Necesitará comer varias veces na noite pero o tempo entre tomas alongarase a medida que medre. A clave está en entender que o bebé pasa unhas poucas horas esperto das 24 que dura o día, pero repartidas sen diferenza entre a noite e o día.
A clave é a rutina
Para poñer as cousas no seu sitio e ir acabando co inicial caos, o importante é que dende o primeiro momento tentedes crear unha rutina. Mantede uns horarios máis ou menos estritos para que o bebé vaia entendendo como se órdena o día. Por exemplo, se normalmente o bañades, dádeslle de comer e o poñedes a descansar para que durma, o bebé rematará por unir todos estes feitos. Dende que note o contacto coa auga, saberá qué vai ocorrer despois.
Evitade os ruídos
A maioría das veces os novos pais coidan que non se fagan ruídos en extremo. Andan no bico dos pés pola casa e falan en murmurios. Non é necesario que o tomedes tan a peito. Tratade de non provocar ruídos repentinos e de manter, preto do bebé, un ambiente sosegado e harmonioso. Se para iso tedes que pechar algunhas portas e vos sentides inquedos por se chora empregade un interfono. Con manter estes principios é suficiente, xa que o neno ten que aprender a vivir e durmir con algún son de fondo, non nunha burbulla de silencio.
Manter a mesma atmosfera
Un bo truco para que o voso fillo colla o sono e se relaxe é manter un mesmo ambiente sempre. Podedes prender unha luz moi suave, utilizar un xoguete móbil para distraelo ou poñer sempre a mesma música tranquilizante. Deste xeito o cativo asociará o feito con que ten que descansar. Incluso podedes deixalo posta durante un tempo para que se relaxe cando no medio da noite estea inquedo.
A mellor postura para durmir
Cada bebé é diferente e tedes que ilo coñecendo. Por iso el mesmo irá atopando a mellor postura para durmir. Durante as primeiras semanas pódese deitar boca arriba ou ben de lado. A postura máis recomendada hoxe en día é coas costas contra o colchón, boca arriba. Parece que nesta redúcese o risco de hipertermia e o bebé pode ter maior osixenación ao desaparecer o perigo de afogar coa almofada ou manta, ademais permite que vexa canto lle rodea. Se o deitades de lado empregade un tope feito cunha toalliña enrolada ou una pequena almofada. Esta postura é a máis indicada se regurxita ou ten vómitos nocturnos.
Non o collas no colo sempre
O primeiro impulso dos novos pais cando senten os choros é correr a coller ao seu pequecho. Segundo algúns especialistas non é sempre boa idea collelo do berce cada vez que chora. Lonxe de relaxalo pode despexalo máis e excitalo. Tampouco é sempre unha boa idea arrolalo corredor arriba e abaixo. Tratade de mantelo no berce. Tocádelle no peito, na cabeza ou na barriguiña para que se relaxe, e cantádelle baixiño ou faládelle para que saiba que estades aí. Outros especialistas, así e todo suxiren que é moito mellor collelo canto antes, sobre todo nos primeiros meses, porque así verá reforzada a súa sensación de seguridade e confianza nos pais. Isto é unha decisión persoal e como tal a debedes discutir entre vós. Unha vez decididos tentade mantervos no que planeastes pero dando unha marxe dependendo das circunstancias. O bebé afarase ao que vós o acostumedes.
Tranquilizalo co teu corpo
Algunhas veces todo isto non funciona. Xa probastes a darlle de comer, cambiastes o cueiro, mirastes se tiña gases… nada, pero segue a chorar. Pode ser que se atope nervioso. Nese caso debedes collelo e mantelo preto do voso peito, ben de pé ou na vosa cama. Sempre é mellor se permitides o contacto pel con pel, así notará a vosa calor, o voso corazón e o voso arrecendo. Se chora por moito tempo tentade facer quendas para o seu coidado. Escoitar como un bebé chora por horas é algo esgotador e sodes vós quen debedes estar calmos para poder tranquilizalo.




