A lactación
Tras saír do ventre materno, o primeiro que precisa o bebé é alimento. Darlle o peito é o mellor xeito e o máis san para alimentalo.
A toma de leite pode ser natural, que proporciona a propia nai, mixta, combinando leite natural e artificial ou artificial, con preparados de leite maternizado. Ten en conta que tanto a OMS, a Organización Mundial da Saúde, coma os pediatras recomendan optar pola lactación natural, xa que todas son vantaxes para a saúde.
A lactación natural
Esta é a alimentación por excelencia xa que lle proporciona ao teu bebé todas as substancias nutritivas que precisa e anticorpos que o protexen de moitas enfermidades. Ademais, está demostrado que a lactación materna favorece o desenvolvemento intelectual. Debe comezar o máis inmediatamente posible ao nacemento. En canto á duración, depende de canto tempo queiras, e poidas, darlle o peito o teu fillo e canto tempo estará el interesado en tomalo.
Avantaxes tamén para ti
Os beneficios desta lactación non son só para o bebé. Se decides dar o peito, poderás recuperar máis rápido o teu peso anterior, reducirás a porcentaxe de sufrir depresión posparto e terás menos posibilidades de sufrir osteoporose e cancro de mama ou de ovarios.
O costro
Sorprenderache saber que a produción abundante de leite ten lugar sobre o 7º día despois do parto. Ata ese intre o que sae polas mamilas é un líquido coñecido como costro. Non te preocupes: a natureza é sabia e con el garantes todo o preciso para a nutrición do bebé posto que é rico en calorías, proteínas e anticorpos.
Lactación sinxela
No hospital, logo do parto, explicaranche como colocar o bebé, ou os bebés, para que todo vaia ben. Ata que lle atopes o xeito, elixe un sitio cómodo e, se o precisas, pídelle unha axudiña ao pai. En canto á posición, as costas deben estar rectas e o peito solto. O bebé debe estar moi preto, peito con peito, mirando cara a ti e coa cabeza repousada no antebrazo.

Dar o peito é o mellor
Con paciencia e tino
Achega o teu fillo ao peito, non ao revés, e non tentes colocar o peito na súa boca. Un bo truco é facerlle cóxegas no seu beizo inferior e agardar a que abra a boca, entón achégao ao teu peito.
¿Cando dar o peito?
Nun principio o teu fillo precisará mamar, tanto de día coma de noite, con moita frecuencia. O recomendable é que deas o peito a demanda, cando o bebé o pida, e pouco e pouco verás como irá marcando un horario. Deixa que sexa el o que che indique cando tomou dabondo. Dar o peito estimula as túas glándulas mamarias e fará que o fluxo de leite se adapte ás súas necesidades. De todos os xeitos non o quites moi axiña xa que ás veces, durante a peitada, deixa de mamar para logo volver comezar. Lembra que de cando en vez tes que parar porque ten que botar o aire no medio da toma.
O mellor sempre ao final
O leite do principio de cada toma é bastante espeso, ten un alto volume e unha baixa concentración de graxas. En cambio, o derradeiro leite é o máis rico en calorías, o que favorece o seu crecemento e fortalecemento. Por iso é moi importante que o bebé baleire ben cada peito. Para facilitalo lembra que se recomenda comezar a peitada polo último peito da vez anterior.
Non che debe doer
Se descartamos algúns casos de mulleres con problemas nos condutos do leite ou moita sensibilidade, se sentes dor ao dar o peito posiblemente non colleu ben a mamila. As gretas da mamila soen aparecer cando o bebé colle só a mamila coas enxivas ao mamar. Lembra que a súa boca debe abarcar toda a aréola. Logo límpaas con auga e déixaas secar ao aire. Pero se a pesar destas recomendacións tes molestias lembra algúns principios que te axudarán:
- Limita o tempo de lactación na mamila afectada.
- Dá primeiro o peito non afectado e masaxea o outro para estimular o fluxo de leite.
- Emprega suxeitador de algodón.
- Cambia con frecuencia os discos absorbentes para evitar a humidade.
- Se as mamilas están moi resecas ou agretadas emprega lanolina.
A lactación artificial
É o pediatra o que determina o leite que debes utilizar para a lactación artificial. Os biberóns deberán esterilizarse, xa sexa en quente ou en frío. As mamadeiras poden ser de caucho ou silicona e tamén deben esterilizarse. Na preparación do biberón hai que ter en conta a cantidade de po lácteo e adecualo á cantidade de auga. Para iso emprega o medidor e segue ao pé da letra as instrucións do envase. Debe vixiarse a temperatura do biberón, deixando caer unhas gotiñas sobre a man e notando que está morno. A mamadeira ten que estar sempre chea de leite, non de aire. Unha vez tomado o biberón, pon o cativo a botar o aire, para isto pódeselle axudar golpeando suavemente nas súas costas.
A lactación mixta
Nesta lactación o bebé recibe leite da nai máis leite artificial. É a solución cando a nai non ten leite dabondo ou tense que incorporar de novo ao seu posto de traballo. Neste primeiro suposto daráselle ao bebé o peito e, de seguido, ofreceráselle o biberón na cantidade que precise. Para as nais traballadoras tamén é unha boa opción, xa que poderán substituír algunha das tomas polo biberón, que llelo pode dar outra persoa, recoméndase que sexa o pai para crear lazos afectivos, sen a necesidade de que a nai estea presente. Moitas nais empregan un sacaleites para non ter que recurrir as leites de fórmula neste caso.





Comments
1 Comentario para “A lactación”Trackbacks
Comprobe o que outros opinan desta entrada[...] A lactación [...]