Martes, 7 de Febreiro de 2012

A hixiene


Para que o teu bebé creza igual de seguro e san que cando estaba dentro do teu corpo, hai varios aspectos que debes coidar. Ademais da atención que pos na súa alimentación tamén debes ter en conta a súa hixiene.

Cambiar os cueiros

Parece un labor interminable, poderiades pasar o día cambiando cueiros continuamente. A explicación é que os bebés teñen unha vexiga moi pequena, o que lle fai ouriñar unhas 20 veces o día. A iso hai que sumar a defecación que tamén se fai varias veces no día, especialmente despois das tomas.

Escollede os que se adecúen mellor á vosa vida

Ante estes datos non cabe dúbida de que parte da vosa calidade de vida e a do teu bebé dependerá de que elixas o modelo axeitado. Normalmente os pais de hoxe en día decántanse polos cueiros desbotables xa que son moito máis sinxelos de utilizar. Despois de cada uso tírase o cueiro e ponse outro no seu lugar sen máis complicacións. Se ben utilizalos a diario pode resultar un pouco máis caro. Por esta razón ou por cuestións ecolóxicas hai pais que utilizan, cando están na casa, cueiros de tea. Estes obrigan a lavalos despois de cada uso, aínda que economiza moito o presuposto.

Cambiar os primeiros cueiros

Deitade o voso bebé e abride o cueiro. Empregade a parte dianteira para limpar a sucidade. Collede con suavidade as súas pernas e limpade cun material suave, toalliña, esponxa ou algodón, os pregos da pel da barriga e das pernas. Limpade tamén a zona xenital sempre de diante cara a atrás para evitar posibles infeccións. Se é unha nena limpade a vulva e os beizos exteriores, pero non por dentro. Finalmente seca ben a zona.

Mirando “dentro” do cueiro

Unha das pautas de conduta máis comúns nos novos pais e mirar de cotío o contido dos cueiros. Isto está moi ben xa que as súas deposicións poden dar pistas moi importantes de como está a súa saúde e a súa alimentación. De todos os xeitos non vos obsesionedes. Durante os primeiros días o bebé votará o meconio. É unha sustancia verde e viscosa froito dos restos do líquido amniótico que tragou no útero. Despois, se toma leite materno mudará a cor  a un dourado ou alaranxado de cheiro forte e, se toma biberón, serán máis consistentes e ulirán peor.

Cambiando os cueiros

Cambiando os cueiros

Mantédeo limpo

En contra do que se soe pensar, nestas primeiras semanas o bebé non se mancha moito. Por iso, e por que teñen a pel moi sensible, soamente teredes que limpar a diario a súa cara, pescozo, mans, nádegas e pés. Para isto podedes empregar un pouco de algodón mollado en auga ou unha esponxa. Para secalo usade unha toalla suave. Moitos especialistas recomendan empezar a bañalo a partir da segunda semana e será suficiente con que se faga dúas veces por semana. Outros sen embargo din que é bo acostumalos a este hábito dende o primeiro momento, bañándoo todos os días. Consulta o teu pediatra para que vos aconselle. Por outra banda, debedes saber que non é necesario empregar, polo menos a diario, locións, cremas, aceites ou colonias. Se queredes facelo, empregade os que están pensados para bebés e probádeos pouco e pouco para previr posibles alerxias ou irritacións.

Os adorados baños

Á maioría dos bebés encántalles o momento do baño, pois lémbralles a súa estancia no útero. O único que tedes que coidar para que sexa unha experiencia reconfortante é que a temperatura da habitación sexa a axeitada e que non entren correntes de aire. Lembrade que nunca debedes deixalo só en ningún momento, podería esvarar, caer ou incluso afogar. Colocade a bañeira nunha superficie plana e segura. Ide mesturando a auga quente e fría ata acadar a temperatura axeitada. O método tradicional para saber que está no seu punto é introducir o cóbado na auga. Debe atoparse máis ou menos á temperatura do corpo. Pasádelle unha man polas costas e collédeo do brazo oposto a un, metédeo amodo na auga sen facer xestos bruscos e aseádeo con normalidade. Cando rematedes secádeo cunha toalla suavemente. Os baños tamén son bos antes de cear para relaxalo e crear así unha rutina para deitalos logo.

Coidados do cordón umbilical

Ata que se desprenda cómpre que teñades especial atención á hixiene desta zona. O recomendable é que o limpedes con alcohol de 70 grados ou con auga fervida previamente e morna. Empapade no alcohol unha toalliña ou un algodón e limpade suavemente a zona. Despois deberedes ter moito tino con secar axeitadamente o embigo e a pel que o rodea. Tamén é importante que cando lle poñades o cueiro, o botedes cara a atrás por debaixo do cordón umbilical co fin de que non lle chegue ouriños á zona. Tede paciencia, pouco e pouco irá curando e caerá só. De todos os xeitos, se vedes que a pel do redor está irritada, notades que supura ou cheira, non dubidedes en consultar co pediatra para que lle bote un ollo.

Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario