Escolas Infantís en Galicia
13 Xullo, 2010 por admin
Arquivado en Apoio á maternidade, Destacamos, Xeral
Á hora de coidar aos nenos pequenos existen moitas opcións, case tantas coma situacións familiares. Algunhas familias escollen quedar cos nenos ata que empezan a escolarización obrigatoria, deixando de traballar un dos seus membros para adicarse a esta tarefa. Outras botan man dos avós e avoas para que lles axuden. Tamén hai quen escolle contratar a alguén para que coide dos pequenos, as veces axudando tamén coas tarefas do fogar. Moitas familias optan por levar aos nenos de entre 0 e 3 anos a unha gardería ou escola infantil. Todas as opcións teñen vantaxes e desvantaxes, o mellor é escoller o que se axuste máis á vida da familia, o seu ritmo de traballo e o que consideremos mellor no noso caso para a crianza. Se escolledes levar aos vosos fillos e fillas a unha escola infantil, neste artigo falaremos das diferentes opcións que tedes en Galicia.
Para fomentar a conciliación laboral, a Xunta de Galicia conta cunha rede de escolas infantís, A Galiña Azul, tamén chamadas Galescolas. Segundo a páxina web da rede de escolas infantís, a rede esta xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Trátase dun servizo público de atención á infancia para idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, que busca adaptarse ao concepto de familia do século XXI e permitir a conciliación da vida laboral e persoal da cidadanía galega ao tempo que facilita a súa inserción no mercado laboral. Na páxina web atoparedes a listaxe das 106 escolas infantís públicas en Galicia.
Na páxina web da Rede Galega de Escolas Infantís tamén podedes atopar documentación variada sobre nutrición ou material didáctico. Botamos a faltar a posibilidade de se matricular a través do portal web, así que se estades interesados/interesadas en matricular as vosas crianzas, teredes que facelo do xeito tradicional. O máis sinxelo é achegarse á escola que teñades máis preto do fogar ou do traballo e preguntar alí sobre a dispoñibilidade de prazas, os prazos de matriculación e as xestións pertinentes.
Desafortunadamente a demanda de prazas soe ser maior que a oferta, polo que algunhas familias terán que optar por matricular as crianzas en escolas infantís privadas, o que conleva un maior custe. Para atopar garderías na vosa area podedes empregar algúns dos portais xa existentes que recollen este tipo de información, coma TuGuarderia.com. É unha boa idea coñecer o centro e mailo seu equipo antes de levar ao pequeno e facer preguntas sobre as actividades que se levarán a cabo, o material que teredes que achegar ao centro, horarios… Tede en conta que a maioría dos centros recomendan un tempo de adaptación nos primeiros días na escola, dándolle a oportunidade ao neno/nena de afacerse ao novo entorno e máis ao persoal que estará ao seu cargo.
Máis información:
Rede Galega de Escolas Infantís: http://escolasinfantis.net/
Listaxe de Escolas Infantís Públicas: http://escolasinfantis.net/index.php?modulo=directorio&accion=verDirectorio&id_categoria=15&cambia_pax=true&num_pax=0
TuGuarderia.com: http://www.tuguarderia.com/
AGADEI (Asociación Galega de Escolas Infantís): http://www.agadei.org/
Foto 1: photo credit: visualpanic
Foto 2: photo credit: xornalcerto





