Martes, 7 de Febreiro de 2012

Unidade de Partos do Complexo Hospitalario de Ourense

18 Maio, 2010 por admin  
Arquivado en Destacamos, Embarazo, Xeral

Oteuembarazo visitou o Complexo Hospitalario de Ourense, adherido ao Parto Normal dende o 2008. Fomos atendidos por José Luis Doval (xefe de Obstetricia e Xinecoloxía), Antonia Iglesias Santos (supervisora da Unidade de Partos) e por Marisol de Diego Suárez (matrona). Entre os tres explícanos o proceso de implementación do parto normal, o equipamento co que contán na unidade e o que as mulleres poden esperar ao dar a luz no Complexo.

Equipamento


Equipamento Unidade Partos do Complexo Hospitalario Ourense from agalip on Vimeo.

O parto non intervido

As mulleres que optan por este tipo de parto e se pode levar a termo (non se presentan complicacións que o impidan) quedan moi satisfeitas co servizo.Na miña opinión, non todo é branco nin negro. A nosa filosofía e ir cara o parto natural pero non todas as mulleres o demandan nin en todos os casos é posible, ás veces xorden complicacións. A demanda de parto natural está actualmente sobre un 10-12%.

O importante é que as mulleres teñan posibilidades entre as que elexir e os profesionais traten de cumprir, sempre que sexa posible, os seus desexos. Debemos recuperar a confianza entre o profesional e a muller. Isto permite negociar o que se pode dar e ata onde.

Implementación da Unidade de Parto Natural


José Luis Doval, Complexo Hospitalario Ourense from agalip on Vimeo.

  • Esta Unidade de Atención ao Parto Natural está a funcionar desde o ano 2008. Como foi o proceso de implementación do Servizo?

O proceso iniciouse cunha solicitude de subvención ao Ministerio de Sanidade que, por aquel entón, contaba cunha liña dirixida a mellora de atención ao parto. Con estes cartos fixose a obra e mercouse o equipamento. Paralelo a isto, o persoal do servizo pasou unha estancia formativa en diversos hospitais españois que xa estaban aplicando esta técnica. A súa volta puxeron en común e explicaron ao resto de compañeiros o aprendido. A finalidade da formación era romper o esquema de actuación seguido ata ese momento.

  • No tocante a procedementos e actuacións, en que se diferencia dunha Unidade de Atención ao Parto Convencional?

Independentemente do tipo de parto que prefira a muller, non aplicamos ningún procedemento por sistema, como pode ser o rasurado ou poñer un enema. Na medida do posible, seguimos a mesma filosofía tanto se nos demandan un parto natural como convencional, sempre tendo en conta os desexos da muller e en función de como se presente o parto. Asemade, as mulleres poden vir e coñecer as instalacións e falar co persoal antes de dar a luz.

  • Con que recursos humanos e materiais conta? Son suficientes para atender a toda a poboación demandante? De non ser así, prevense plans de mellora ou ampliación da Unidade?

Os recursos humanos son os mesmos cos que se contaba con anterioridade. En canto aos materiais, habilitouse unha sala de dilatación con cama especial, monitores, bañeira e demais equipamento. Polo de agora son suficientes para atender a demanda, que anda sobre un 10-12%.

Aínda que só contamos cunha sala específica de parto natural, non quere dicir que no resto de salas non se dea ese servizo. E unha cuestión de modo de traballar máis que de recursos materiais. Co obxectivo de que todo o persoal aplique a mesma filosofía estanse levando a cabo cursos de formación.

  • A implantación desta modalidade de Parto enmarcase no Plan de Atención Integral á Saúde da Muller. Cal/es son os obxectivo/s que se perseguen co mesmo?

O Plan de Atención Integral tiña como obxectivo principal homoxeneizar os protocolos, xa que tal como aparece reflectido no estudo previo, non existía nin homoxeneidade nin equidade nos procedementos que se aplicaban nos distintos centros. Tamén se lle preguntou ás propias mulleres. Dentro do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller cabe destacar que ademáis dos temas relacionados coa xinecoloxía, tamén se recollían aqueles que teñen que ver con doenzas que afectan dunha maneira especial ás mulleres, como a fibromialxia, o reuma, etc.

  • Sabemos que no caso do hospital do Salnés, hai mulleres que non son da súa zona de influencia que queren ir dar a luz aí, atópanse vostedes con situacións similares? É posible que calquera muller dea a luz neste centro, independentemente de onde viva?

Iso non é así. Ben é certo que cando unha muller facía unha queixa e esta chegaba a altas estancias, facíase o posible para que fora atendida alí. Así que o que houbo foron casos autorizados pero limitados. Con todo, se ti queres dar a luz nun determinado centro só tes que entrar pola porta. Se algunha muller que non é da nosa área de influencia chama para ser atendida aquí, aténdese sen problemas. Mentres se poida atender a demanda non hai inconveniente.

Para maís información

Nota de prensa do Gabinete de comunicación do Complexo Hospitalario de Ourense, do 19 de Novembro de 2008. Descargar aquí parto-natural-ourense.

Comments

1 Comentario para “Unidade de Partos do Complexo Hospitalario de Ourense”

Trackbacks

Comprobe o que outros opinan desta entrada

[...] This post was mentioned on Twitter by Lucia Castro Diaz, O Teu Embarazo. O Teu Embarazo said: Novo post (con vídeos exclusivos): "Unidade de Partos do Complexo Hospitalario de Ourense" http://bit.ly/9YfUZe [...]



Comentar

Estamos interesados na súa opinión con relación a esta información.
Se o desexa pode deixar o seu comentario